O voleibol do CD San Ciprián amosa o seu compromiso na loita contra o cancro

AMariñaXa
Os equipos cadete e xuvenil feminino participaron nunha acción de apoio á Asociación Española Contra o Cancro coincidindo co Día Mundial
Volei-CD-San-Ciprian-
9 Feb 2026

O deporte volveu demostrar que é moito máis ca competición. A sección de voleibol do Club Deportivo San Ciprián sumouse estes días á campaña de sensibilización polo Día Mundial contra o Cancro, promovida pola Asociación Española Contra o Cancro, cun xesto cargado de simbolismo e solidariedade.

Aínda que a xornada internacional se celebrou o pasado 4 de febreiro, foi durante a pasada fin de semana cando os equipos cadete e xuvenil feminino quixeron facer visible o seu apoio. As xogadoras aproveitaron o encontro disputado na cancha do Narón Volea para lanzar unha mensaxe de concienciación, portando brazaletes verdes como sinal de respaldo ás persoas que loitan contra esta enfermidade e ás súas familias.

Desde o club destacaron a importancia de empregar o deporte como ferramenta para transmitir valores e implicarse en causas sociais, subliñando que pequenos xestos tamén axudan a dar visibilidade e a reforzar a mensaxe de apoio colectivo. A iniciativa foi recibida con moi boa acollida, tanto polo público como polos equipos participantes, reforzando a idea de que o traballo en equipo tamén é clave fóra da pista.

Con accións coma esta, o Club Deportivo San Ciprián amosa o seu compromiso cunha causa que implica a toda a sociedade, lembrando que a solidariedade, igual que o deporte, constrúese entre todos.

⚙ Configurar cookies
0.078643798828125