O viveirense Cristóbal Rodríguez entra no comité técnico da FISU como asesor do presidente para o Pentatlón Moderno

Cristóbal Rodríguez (Celeiro–Viveiro, 1991), recoñecido pentatleta internacional con máis de cen participacións coa selección española entre Pentatlón Moderno e Esgrima, vén de ser elixido para ocupar un posto clave no Comité Técnico da Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU), con sede en Lausana, Suíza.
Rodríguez exercerá como asesor directo do suízo Phip Waeffler, presidente do comité técnico internacional para o Pentatlón Moderno, durante os próximos catro anos. O nomeamento contou co aval da Unión Internacional de Pentatlón Moderno (UIPM), na que o deportista mariñán traballa actualmente como Oficial de Operacións de Eventos e responsable do programa de formación de adestradores.
O comité técnico da FISU ten a misión de definir as normas e regulamentos que rexen os diferentes campionatos universitarios a nivel mundial. A súa labor resulta fundamental para garantir a calidade e a equidade nas competicións, e a elección de Rodríguez supón un respaldo á súa experiencia tanto deportiva como organizativa.
Desde este martes, Rodríguez atópase en Lausana participando no encontro internacional de organizadores de eventos universitarios. Segundo fontes da FISU, está considerado un dos novos valores emerxentes dentro da estrutura organizativa, destacando pola súa capacidade para dialogar e alcanzar consensos entre diferentes institucións e países.
Ao longo da súa traxectoria deportiva, o viveirense logrou títulos de campión de España, Europa e do mundo, o que lle proporciona un coñecemento profundo do deporte de alto nivel. Ademais, ocupou responsabilidades en federacións de ámbito estatal e internacional, incluíndo estancias en Hong Kong e outros países asiáticos, o que reforza a súa visión global do deporte moderno.
O seu nomeamento supón un fito para o deporte galego e en particular para A Mariña, que ve así recoñecida a traxectoria dun dos seus atletas máis destacados, agora tamén figura clave na toma de decisións da elite do deporte universitario internacional.