O Vicedo tramita unha modificación de crédito de máis de 382.000 euros para executar obras

AMariñaXa
O pleno tamén deu conta da renuncia do concelleiro do PP Balbino Trasancos por motivos de saúde, que será substituído por José Dovale Liz
O-Vicedo_Balbino-Trasancos-pleno-2026
10 Nov 2026

O Concello do Vicedo abordou nun pleno extraordinario a renuncia de Balbino Trasancos á súa acta de concelleiro polo Partido Popular. O edil comunicou a súa decisión por motivos de saúde e será substituído por José Dovale Liz, veciño de Cabanas.

O PSdeG-PSOE do Vicedo trasladou publicamente o seu agradecemento a Balbino polos anos de traballo e dedicación ao municipio. Os socialistas destacaron a relación de respecto, cordialidade e proximidade que mantiveron con el, por riba das diferenzas políticas, e puxeron en valor o seu compromiso coa veciñanza e coa vida pública local. A agrupación deséxalle o mellor nesta nova etapa persoal.

Na mesma sesión, o alcalde presentou unha modificación de crédito por importe de 382.550,55 euros destinada a financiar diferentes actuacións e obras no municipio. A maior parte dos fondos, 319.586,20 euros, procederán do remanente de tesouraría. A esta cantidade engádense 32.754,31 euros correspondentes a novos ingresos ou maiores ingresos rexistrados no orzamento, así como outros 30.210,04 euros obtidos mediante baixas por anulación total ou parcial de partidas das contas deste exercicio.

Entre os investimentos previstos figura a renovación da sinalización en Negradas, cunha dotación de 48.339,50 euros, e a mellora da seguridade viaria no conxunto do municipio, para a que se reservan 48.303,30 euros.

A intervención tamén contempla a preparación dunha base e a colocación dunha marquesiña en Riobarba, así como a instalación doutra en Xilloi. Cada unha destas actuacións contará cunha partida de 4.190,11 euros.

A xestión dos residuos é outro dos ámbitos incluídos na modificación, que reserva 48.049,10 euros para crear novos puntos de recollida de vidro e cartón. Ademais, destinaranse 3.650,15 euros á construción dunha soleira e á instalación de elementos de suxeición dos colectores en Folgueiro.

O plan recolle igualmente 48.291,10 euros para mellorar a eficiencia enerxética da iluminación pública. No apartado de equipamentos municipais, prevese instalar climatización no Punto de Atención á Infancia (PAI), cun orzamento de 11.735,19 euros, e nos locais sociais e na Casa da Cultura, cunha dotación de 48.366,24 euros.

A modificación de crédito permitirá tamén reforzar partidas destinadas a actuacións xa realizadas que contaban cunha consignación orzamentaria insuficiente.

O PSOE CUESTIONA A PLANIFICACIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do Vicedo expresou a súa preocupación pola xestión económica do goberno local tras coñecer os detalles da modificación de crédito número 11/2026, aprobada para mobilizar 382.550,55 euros destinados a diferentes actuacións e gastos municipais. Os socialistas consideran que este expediente volve evidenciar, ao seu xuízo, unha falta de planificación e unha maneira de administrar os recursos baseada na improvisación.

A formación recoñece que moitas das actuacións incluídas na modificación responden a necesidades do municipio, pero cuestiona que teñan que incorporarse agora ao orzamento mediante novas ampliacións de crédito. Desde o grupo sinalan que investimentos e gastos relacionados coa seguridade viaria, a recollida de residuos, o alumeado público ou a climatización de instalacións municipais deberían estar previstos con suficiente antelación.

"Non cuestionamos que se realicen investimentos necesarios para o noso concello. O que cuestionamos é que, a estas alturas do ano, o goberno municipal siga tendo que modificar o orzamento para atender actuacións e gastos que, en moitos casos, deberían estar perfectamente planificados desde o principio", apuntan os socialistas.

Un dos aspectos que máis chama a atención do PSdeG é a incorporación de 8.000 euros adicionais vinculados á Festa Vikinga de 2026. A cantidade repártese en dúas partidas de 4.000 euros, unha para afrontar gastos complementarios da celebración e outra destinada a publicidade.

Os socialistas consideran que resulta chamativo que en novembro aínda sexa necesario incrementar os recursos económicos asociados a unha celebración que se organiza anualmente e cuxos gastos deberían poder anticiparse. "A este paso, imos chegar á próxima edición sen rematar de cadrar as contas da anterior", ironizan.

A agrupación defende que unha festa destas características debe contar cunha previsión económica rigorosa e unha estimación suficiente dos custos desde o inicio da súa organización. Neste sentido, sostén que a actividade merece unha xestión responsable dos fondos públicos e cuestiona que precise ampliacións orzamentarias meses despois da súa celebración.

Outro dos elementos sinalados polo Grupo Municipal Socialista é a procedencia dos fondos empregados na modificación. Dos 382.550,55 euros totais, 319.586,20 proceden do remanente líquido de tesouraría, o que representa aproximadamente o 83,5% do importe. O resto corresponde a 32.754,31 euros de maiores ingresos e a 30.210,04 euros obtidos mediante a anulación dunha partida destinada a posibles modificacións orzamentarias.

O PSdeG considera que o remanente municipal é un recurso que debe administrarse con criterios claros de prioridade e planificación. A formación recoñece que dispoñer destes fondos é positivo, pero advirte de que non deberían converterse nunha solución recorrente para compensar partidas insuficientes ou gastos que non foron previstos inicialmente.

"Ter remanente é positivo. O preocupante é que o goberno municipal pareza utilizalo como un caixón ao que acudir cada vez que o orzamento non chega ou cando aparecen gastos que non estaban previstos", sinalan.

A formación tamén pon o foco nos 12.831,92 euros incorporados para facer fronte ao pagamento dunha certificación de liquidación dunha obra incluída no Plan Único de 2025, así como noutras ampliacións relacionadas co funcionamento ordinario dos servizos municipais. Para os socialistas, estas partidas demostran que a modificación non responde unicamente á aparición de novos investimentos ou necesidades imprevistas, senón tamén a gastos de mantemento e funcionamento que, consideran, deberían poder anticiparse.

O grupo municipal insiste en que o feito de que se incorporen agora partidas para mellorar a sinalización, a seguridade viaria, os puntos de recollida de residuos ou a eficiencia enerxética do alumeado público debería levar o goberno local a revisar os seus criterios de elaboración e execución dos orzamentos.

Desde o PSdeG-PSOE reclaman unha planificación económica que permita establecer prioridades, executar os investimentos necesarios e garantir o mantemento dos servizos públicos sen depender continuamente de modificacións de crédito.

"Governar non consiste simplemente en ter cartos dispoñibles e ir gastándoos segundo xorden as necesidades. Gobernar é establecer prioridades, anticiparse aos problemas e utilizar os recursos públicos con rigor e transparencia", defenden.

Os socialistas conclúen que a cuestión non está na dispoñibilidade de recursos económicos, senón na maneira de programar o seu emprego. "O problema non é que haxa cartos. O problema é que, con cartos, seguimos sen ver unha planificación clara. E mentres o goberno municipal continúa facendo números coa Festa Vikinga, as necesidades reais do Vicedo non esperan", conclúen.

0.1496000289917