O Vicedo reforza o seu compromiso cos maiores para activar o centro de día

AMariñaXa
O Concello asumirá inicialmente o custo de ata oito prazas para atraer empresas interesadas na xestión do servizo
centro-de-dia-o-vicedo
9 Jan 2026

A licitación para a xestión do novo centro de día do Vicedo, situado na antiga Casa do Mar, quedou deserta malia contar cun orzamento base de 1,2 millóns de euros. Ningunha empresa presentou oferta no concurso iniciado en marzo de 2025, unha circunstancia que o alcalde, Jesús Novo, atribúe á falta de garantías dun número mínimo de usuarios.

Co obxectivo de desbloquear a situación, o Concello decidiu introducir cambios no prego de condicións e asumir inicialmente o custo dun máximo de oito prazas, co fin de asegurar unha base mínima ás empresas que concorran á próxima licitación. Esta modificación obrigará ao goberno local a consignar fondos específicos no orzamento municipal de 2026.

Segundo explicou o rexedor, o Concello deixará de aboar esas prazas a medida que vaian sendo ocupadas por novos usuarios, unha vez cubertas as restantes. O centro de día está deseñado para un total de 35 prazas, aínda que as previsións iniciais apuntan a que podería comezar a funcionar con arredor de 20 persoas usuarias.

O custo estimado para as arcas municipais situaríase en torno aos 16.000 euros mensuais, preto de 192.000 euros ao ano, unha cantidade relevante que se suma a outros gastos no ámbito dos servizos sociais. Con todo, Jesús Novo defende a medida ao considerar que o centro é “fundamental para a atención á xente maior e para facilitar a conciliación das familias”.

O Concello confía en aprobar os orzamentos no primeiro trimestre de 2026 e relanzar a licitación nese mesmo período.

⚙ Configurar cookies
0.078720092773438