O Vicedo organiza un obradoiro de expresión corporal impartido por Xoán Curiel

A Casa da Cultura do Vicedo acollerá este sábado 14 de novembro, entre as 11.00 e as 13.00 horas, un obradoiro de expresión corporal impartido polo cantautor e actor Xoán Curiel. A proposta busca ofrecer ás persoas participantes un espazo práctico e interactivo no que descubrir, recoñecer e desenvolver as súas posibilidades expresivas.
A actividade está pensada principalmente para o público adulto e será de balde. Durante a sesión, as persoas asistentes poderán achegarse ás técnicas de expresión corporal da man dun profesional con ampla experiencia no ámbito artístico e formativo.
Xoán Curiel é actor, músico e cantante profesional galego. Desde hai anos centra parte do seu traballo na investigación das capacidades expresivas e conta cunha traxectoria como docente de técnicas corporais e vocais que comezou en 1999.
A súa formación abrangue diferentes disciplinas escénicas, entre elas interpretación, teatro musical, clown e danza contemporánea. Para iso pasou por centros especializados como o Estudio de Juan Carlos Corazza, en Madrid; Eolia, en Barcelona, e Espazo Aberto, en Santiago de Compostela, ademais de completar a súa preparación noutras áreas relacionadas co movemento e a expresión.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través do teléfono 982 59 01 95 ou do correo electrónico omix@concellodovicedo.org.