O Vicedo ofrece catro cursos tecnolóxicos gratuítos para rapaces a partir de 8 anos

O Vicedo abriu o prazo de inscrición para unha nova proposta de cursos tecnolóxicos gratuítos dirixidos a rapaces e rapazas a partir de 8 anos. A programación reúne catro obradoiros prácticos pensados para que os máis novos aprendan a utilizar diferentes ferramentas tecnolóxicas de maneira útil e segura, ao tempo que complementan os seus estudos.
A oferta inclúe un curso de mecanografía e informática, que se desenvolverá os martes de 17:00 a 18:30 horas e permitirá aos participantes familiarizarse co uso do ordenador e adquirir maior dominio das súas ferramentas.
Os xoves haberá dúas propostas. De 16:00 a 17:00 horas impartirase o obradoiro de mecanografía, orientado a mellorar a velocidade e axilidade á hora de escribir co teclado. A continuación, de 17:00 a 18:45 horas, terá lugar o curso de croma e edición de vídeo, unha introdución á creación de contido audiovisual.
A cuarta actividade será o venres, de 17:30 a 19:00 horas, cun obradoiro de mecanografía e robótica destinado a achegar os participantes ao mundo da programación de robots.
As actividades están formuladas como unha formación práctica e amena, combinando aprendizaxe e entretemento. Todas as propostas son gratuítas, aínda que as prazas son limitadas.
As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar a inscrición poden acudir á Casa da Cultura do Vicedo, chamar ao teléfono 982 590 195 ou escribir ao enderezo electrónico cemit.ovicedo@xunta.gal.