O Vicedo impulsa máis de 300.000 euros en obras tras aprobar unha modificación de crédito

AMariñaXa
O alcalde Jesús Novo destaca que o suplemento orzamentario permitirá adxudicar actuacións en centros educativos, espazos públicos e servizos municipais.
concello-do-vicedo-casa-consistorial
2 Dec 2025

O Concello de O Vicedo vén de facer pública unha modificación do orzamento municipal co obxectivo de habilitar crédito extraordinario para executar diversas obras consideradas prioritarias. O alcalde, Jesús Novo, explicou que este axuste económico resulta “imprescindible para poder adxudicar actuacións que non podían agardar máis e que mellorarán servizos básicos e distintos equipamentos públicos”.

Segundo a documentación municipal, a proposta recolle un investimento total de 300.681,28 euros, destinado a intervencións que non figuraban nas partidas orzamentarias vixentes pero que agora se financiarán a través da redistribución de créditos.

Entre as actuacións previstas inclúese a instalación dun novo punto de luz en Folgueiró e varias melloras en materia de limpeza e xestión de residuos no propio concello. Ademais, contemplase a reforma da fachada e a instalación dun portal nun local municipal situado na capitalidade.

Unha parte relevante do investimento diríxese á mellora de infraestruturas educativas. O documento recolle a protección e renovación das fachadas das escolas de O Vilar e de Folgueiró, así como a execución da nova soleira exterior neste último centro.

Tamén se inclúe a construción de aseos exteriores para a pista multideporte e a zona de calistenia, así como a substitución da cuberta do parque infantil da rúa Francisco Vilasuso, unha demanda reiterada polas familias usuarias.

Jesús Novo subliñou que todas estas actuacións teñen “carácter urxente e inaprazable” e que permitirán “seguir avanzando na mellora dos servizos municipais e dos espazos públicos que usa a veciñanza cada día”.

⚙ Configurar cookies
0.083304882049561