O Vicedo estrea a súa primeira San Silvestre cun evento deportivo aberto a todas as idades

AMariñaXa
A carreira, organizada pola Comisión de Festas de Santo Estevo do Val, celebrarase o 31 de decembro e contará con categorías infantil e absoluta
carreira-san-silvestre
25 Nov 2025

O Vicedo despedirá o ano correndo. O municipio acollerá o vindeiro 31 de decembro a primeira edición da San Silvestre O Vicedo 2025, unha proba popular que percorrerá as rúas da vila e que nace coa intención de consolidarse como unha cita deportiva e festiva para todos os públicos.

A organización corre a cargo da Comisión de Festas Patronais Santo Estevo do Val, que busca impulsar unha actividade aberta á veciñanza e ás persoas que desexen pechar o ano facendo deporte nun ambiente lúdico e familiar.

A xornada contará con dúas categorías. Os máis pequenos serán os primeiros en tomar a saída coa proba infantil, dirixida a menores de 12 anos, que cubrirán un percorrido aproximado de 500 metros a partir das 16:30 horas. A continuación chegará o turno da categoría absoluta, cun itinerario duns 5 quilómetros e saída prevista para as 17:00 horas.

As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición, exclusivamente en liña, a través da web www.carrerasconencanto.com.

⚙ Configurar cookies
0.096534013748169