O Vicedo encherá agosto de actividades culturais, deportivas e de natureza para todos os públicos

AMariñaXa
O programa inclúe rutas guiadas, propostas ambientais, concursos, karaoke e iniciativas ao aire libre repartidas ao longo de todo o mes
kayak-o-vicedo
3 Aug 2026

O Concello do Vicedo presentou a programación sociocultural para o mes de agosto, unha ampla oferta de actividades pensada para dinamizar o municipio durante o verán e ofrecer alternativas de lecer dirixidas a veciños e visitantes de todas as idades. A natureza, a participación cidadá e o entretemento volverán ser os principais eixes dun calendario que se desenvolverá en diferentes espazos do concello.

As propostas comezarán cun descenso en kaiak polo río Sor, previsto para o 5 de agosto, unha actividade que permitirá descubrir desde a auga unha das contornas naturais máis representativas da zona. Poucos días despois, o 8 de agosto, celebrarase un percorrido interpretativo centrado na biodiversidade do río Sor e na importancia da súa conservación.

A programación de natureza continuará o 12 de agosto cunha ruta ata o miradoiro das Laxes, desde onde os participantes poderán contemplar vistas privilexiadas da illa Coelleira, mentres que o 19 de agosto terá lugar unha andaina nocturna entre a praia de Abrela, Fuciño do Porco e Pereira. O calendario pecharase o 26 de agosto cunha nova saída dedicada a descubrir o patrimonio histórico e natural dos Moutillós, vinculada ao antigo asentamento viquingo existente na zona.

Xunto ás actividades ambientais, o Concello tamén promoverá distintas iniciativas de carácter cultural e participativo. O 13 de agosto a Casa da Cultura acollerá unha nova edición do karaoke de verán, aberto a persoas de todas as idades, mentres que o 18 de agosto será a quenda da entrega de premios do concurso de fotografía turística, unha iniciativa que busca poñer en valor a riqueza paisaxística do municipio a través das imaxes captadas polos participantes.

A programación completarase o 20 de agosto na praia de Xilloi coa celebración do tradicional concurso de figuras de area, unha cita que contará con categorías infantil, xuvenil e de adultos e que cada verán reúne a numerosos participantes.

Desde o Concello destacan que esta programación pretende fomentar o coñecemento do patrimonio natural e cultural do Vicedo, ao tempo que ofrece espazos de encontro e convivencia durante a época estival mediante actividades variadas adaptadas a públicos de todas as idades.

0.12574291229248