O Vicedo convoca a novena edición do seu concurso de fotografía para promocionar a riqueza do municipio

AMariñaXa
O certame repartirá 650 euros en premios e manterá aberto o prazo de presentación de imaxes ata o 17 de agosto
Vicedo-concurso-foto-2025-primeiro-premio-Monica-Vila-San-Roman
Primeiro premio á fotografía de Mónica Vila, "San Román"
24 Jul 2026

O Concello do Vicedo abriu o prazo de participación da novena edición do Concurso Fotográfico Turismo O Vicedo, unha iniciativa que busca promover os atractivos naturais, paisaxísticos, patrimoniais e culturais do municipio a través da creatividade dos afeccionados e profesionais da fotografía.

O certame está aberto á participación de todas as persoas que desexen presentar as súas obras de maneira individual, sen distinción entre fotógrafos profesionais e afeccionados. Nesta edición, a temática será completamente libre, coa única condición de que as imaxes estean realizadas dentro do termo municipal do Vicedo. No caso de que o lugar fotografado non sexa facilmente identificable, os autores deberán indicar onde e cando foi tomada a instantánea.

Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías, que deberán ser orixinais, inéditas e non ter sido premiadas nin difundidas previamente en concursos, medios de comunicación ou redes sociais. As obras poderán entregarse tanto en cor como en branco e negro, aínda que a organización advirte de que non se admitirán imaxes excesivamente manipuladas nin fotografías captadas mediante drons.

As fotografías deberán presentarse impresas, cun tamaño comprendido entre os 30x45 e os 40x60 centímetros, sen ningún tipo de soporte ou montaxe. Ademais, cada obra deberá identificarse cun pseudónimo, acompañado da documentación requirida nun sobre pechado, e enviar tamén o correspondente arquivo dixital en formato JPG ao correo electrónico habilitado para o concurso.

O prazo de presentación permanecerá aberto ata o luns 17 de agosto ás 14:00 horas. As obras poderán entregarse presencialmente na Casa da Cultura do Vicedo ou remitirse por correo postal, sempre que cheguen antes da finalización do prazo establecido.

O fallo do xurado darase a coñecer o martes 18 de agosto ás 20:30 horas durante un acto público na Casa da Cultura, no que tamén se proxectarán todas as fotografías participantes e se realizará a entrega dos premios.

O concurso repartirá un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 e un terceiro de 100 euros. Ademais, concederase un premio especial de 50 euros á mellor fotografía xuvenil, reservado para participantes con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. A organización destaca que esta convocatoria pretende seguir fomentando a mirada artística sobre O Vicedo e contribuír á promoción turística do municipio a través das imaxes captadas polos seus participantes.

0.10139799118042