O Vicedo continúa o seu programa de verán con rutas en kayak, unha marcha solidaria e a exposición sobre Kubala

AMariñaXa
A programación desta semana inclúe unha nova actividade dos Mércores de Natureza, a II Marcha contra o Cancro e os últimos días para visitar a mostra dedicada á traxectoria deportiva local de Kubala
kayak-o-vicedo
13 Jul 2026

O Concello do Vicedo mantén activa a súa programación de verán con dúas actividades e unha exposición que se desenvolverán ao longo desta semana.

Dentro da iniciativa dos Mércores de Natureza, o próximo mércores 15 de xullo ás 11.00 horas terá lugar unha nova ruta en kayak, unha actividade xa tradicional durante a tempada estival. O percorrido partirá desde o peirao do Vicedo e permitirá coñecer o entorno do porto e da ría, pasando polas principais praias da contorna. A participación nesta ruta ten un prezo de 20 euros por persoa.

A programación continuará coa vertente solidaria coa celebración da II Marcha contra o Cancro, prevista para o domingo 19 de xullo ás 11.00 horas. A actividade consistirá nun percorrido curto entre a ponte vella sobre o río Sor e a Casa da Cultura do Vicedo.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición en liña ou anotarse presencialmente na Casa da Cultura desde este luns e ata o venres, en horario de 11.00 a 13.00 horas. O prezo da participación é de 10 euros e inclúe unha camiseta. Ademais, existe a opción de colaborar coa causa mediante unha fila 0.

Por outra banda, esta será a última semana para visitar a exposición dedicada a Kubala, na que se repasa a súa ampla traxectoria vinculada ao deporte local. A mostra pode visitarse na Casa da Cultura do Vicedo no horario habitual de apertura: de 10.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas.

0.12040185928345