O Vicedo continúa coas protestas pola falta de médicos no centro de saúde

A veciñanza do Vicedo non cesa nas súas reivindicacións pola falta de médicos no centro de saúde do municipio. Unha fin de semana máis, distintas asociacións culturais, deportivas e veciñais convocan unha nova manifestación para esixir solucións a unha problemática que levan tempo padecendo e que xa os levou a saír á rúa en múltiples ocasións.
A concentración está programada para o domingo, 2 de marzo, ás 11:30 horas diante do Concello. Con esta nova mobilización, denuncian que a atención sanitaria segue sendo deficiente, con axendas pechadas durante semanas, xornadas sen facultativo, días nos que só se atenderon urxencias, citas anuladas e unha redución do horario de atención a tan só catro horas en moitos casos.
Os organizadores advirten que esta non será a última protesta. “Estas concentracións non só son un reclamo polos médicos, senón tamén un recordatorio da nosa capacidade colectiva para loitar e lograr melloras tanxibles para O Vicedo”, sinalan.
Ademais, subliñan a importancia da unión veciñal para afrontar este tipo de problemas e lograr cambios efectivos. “A forza dun pobo reside na súa capacidade para unirse e abordar os problemas todos xuntos”, conclúen.