O Vicedo celebrará a 21ª edición do seu tradicional desfile de Samaín o 31 de outubro

O Vicedo celebrará o sábado 31 de outubro a 21ª edición do seu desfile de Samaín, unha actividade que se mantén desde hai máis de dúas décadas coa participación da Asociación de Familias do Alumnado (AFA) do CEIP do Vicedo, que colabora na organización desde a primeira convocatoria.
O desfile comezará ás 19:30 horas na Casa da Cultura, aínda que a programación arrancará antes, a partir das 18:30 horas, con música e pintacaras para os asistentes. Para conservar o espírito tradicional desta celebración no municipio, os participantes deberán acudir cunha saba branca ou cunha camiseta branca longa, ademais de levar a súa propia cabaza para desfilar.
Ao remate da actividade, haberá unha chocolatada para as persoas asistentes, ofrecida pola AFA do CEIP do Vicedo. A asociación tamén prepara algunha actividade complementaria á programación anunciada no cartel.
O desfile está organizado conxuntamente pola AFA do CEIP do Vicedo e o Concello do Vicedo, que convidan á veciñanza a participar nesta nova edición dunha cita xa consolidada no calendario local.