O Vicedo agarda con entusiasmo a quinta edición do seu trail costeiro

O Vicedo vivirá este domingo, 18 de maio, unha das citas máis esperadas do calendario deportivo local: a quinta edición do Trail do Vicedo. O evento foi presentado por membros do Club Peña Lar Trail, o alcalde Jesús Novo Martínez e persoal da área de turismo do Concello, que destacaron o éxito de participación e as melloras introducidas nesta edición.
A competición contará con tres modalidades: trail longo de 25 quilómetros, trail curto de 15 quilómetros e andaina tamén de 15 quilómetros, sumando un total de 370 persoas inscritas, cifra que supera á de edicións anteriores.
Unha das principais novidades deste ano será o cambio de localización da saída e chegada, que se traslada á contorna do parque da Casa da Cultura. Esta nova ubicación permitirá mellorar a comodidade e a loxística grazas ao espazo cuberto dispoñible nesta zona.
Tamén se introduciron pequenas modificacións nos percorridos, como é habitual en cada edición, coa apertura de novos tramos destinados a poñer en valor a beleza paisaxística do litoral e do interior vicedense. O trail longo partirá da Rúa Francisco Vilasuso, internarase nas montañas e regresará á costa pola zona do Fuciño do Porco, percorrendo a ruta PR-G 156 Costa de O Vicedo de leste a oeste. Pola súa parte, o trail curto unirá o Fuciño do Porco co Porto do Vicedo, tamén seguindo o perfil costeiro. Todas as modalidades finalizarán na mesma rúa Francisco Vilasuso, onde se celebrará a entrega de trofeos a partir do mediodía.
Estes galardóns distinguirán aos primeiros clasificados de cada modalidade, así como aos atletas máis veteranos e aos participantes locais máis destacados.
O Club Peña Lar Trail, de Viveiro, será un ano máis peza clave na organización do evento, colaborando na preparación das rutas, na marcaxe, na coordinación da proba e na súa difusión nos meses previos.
Desde o Concello de O Vicedo sinalan que esta iniciativa responde a varios obxectivos: ampliar a oferta deportiva e sociocultural fóra da tempada estival, dar resposta ao crecente interese por este tipo de carreiras en contacto coa natureza, amosar o patrimonio natural do municipio —que inclúe cinco praias, a illa Coelleira, a ría e o icónico Fuciño do Porco— e dinamizar a economía local, xa que os participantes e acompañantes supoñen un importante impulso para a hostalaría e o comercio da vila.