O Vicedo acollerá o 19 de xullo a segunda edición da andaina solidaria contra o cancro

AMariñaXa
A actividade, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, manterá abertas as inscricións ata o propio día do evento e destinará a recadación á investigación e ao apoio a pacientes e familias
presentacion-andaina-solidaria-contra-o-cancro-o-vicedo
9 Jul 2026

A Asociación Española Contra o Cancro en Lugo celebrará o domingo 19 de xullo a segunda edición de O Vicedo en Marcha Contra o Cancro, unha andaina aberta a persoas de todas as idades que partirá ás 11.00 horas desde a Ponte Vella sobre o río Sor e rematará no Parque de O Vicedo.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición de forma online ata o venres 17 de xullo ás 14.00 horas. Tamén será posible apuntarse presencialmente entre os días 13 e 17 de xullo, en horario de 11.00 a 13.00 horas, na Casa da Cultura de O Vicedo, así como o mesmo día da andaina, a partir das 10.00 horas, no punto de saída situado na Ponte Vella sobre o Sor.

As camisetas para quen realizase previamente a inscrición online poderán recollerse o propio 19 de xullo, desde as 10.00 horas, no lugar de inicio da marcha. Ao remate da actividade ofrecerase un tentempé para todas as persoas asistentes.

As persoas que non poidan participar na andaina tamén teñen a posibilidade de colaborar mediante un donativo a través da modalidade de inscrición solidaria. A recadación destinarase a continuar mellorando a calidade de vida das persoas con cancro e das súas familias, ademais de impulsar a investigación oncolóxica co obxectivo de alcanzar un 70 % de supervivencia no ano 2030.

0.12065601348877