O Vicedo acollerá a VI Carreira de Monte o vindeiro 17 de maio

O concello do Vicedo volverá converterse nun referente do deporte ao aire libre coa celebración da VI Carreira de Monte, prevista para o sábado 17 de maio. A cita terá como escenario a contorna natural do Fuciño do Porco e Caolín, un dos espazos máis emblemáticos do municipio, e reunirá a deportistas e afeccionados ao trail e ao sendeirismo.
A proba inclúe tres opcións adaptadas a diferentes niveis: unha andaina de 15 quilómetros, un trail curto tamén de 15 quilómetros e un trail longo de 21 quilómetros, permitindo así a participación tanto de persoas afeccionadas como de corredores máis experimentados.
Esta edición terá ademais un carácter especial ao celebrarse como Memorial Natalia Sánchez Pulgar, rendendo homenaxe á súa figura a través dunha xornada deportiva marcada polo respecto á natureza e o espírito de superación.
As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través da plataforma ChampionChip Norte, na páxina web www.ccnorte.com. Desde a organización animan á participación nun evento que combina deporte, paisaxe e convivencia nun entorno privilexiado da Mariña lucense.