O Vicedo acolle unha nova xornada de asesoramento en trámites coa Administración do Estado

AMariñaXa
A iniciativa permitirá resolver dúbidas e obter no acto o certificado dixital, imprescindible para realizar xestións en liña
1-aula-cemit-vicedo-ordenadores
4 Feb 2026

O Concello do Vicedo volverá acoller unha nova edición das xornadas A Administración cerca de ti, unha iniciativa dirixida a facilitar á cidadanía o acceso aos trámites máis habituais coa Administración do Estado. A actividade desenvolverase o 3 de marzo na Casa da Cultura e está pensada especialmente para achegar os servizos públicos á veciñanza, reducindo desprazamentos e simplificando procesos administrativos. Será en horario de 10.30 a 13.30 horas.

Durante a xornada, o persoal especializado ofrecerá asesoramento personalizado para a realización de xestións administrativas, resolverá dúbidas frecuentes e prestará apoio no uso das ferramentas dixitais. Un dos aspectos máis destacados será a posibilidade de obter no propio espazo o certificado dixital, un elemento clave para realizar numerosos trámites electrónicos tanto coa Administración Xeral do Estado como coa Xunta de Galicia ou os concellos.

Desde a organización subliñan a importancia deste servizo, especialmente para aquelas persoas que teñen máis dificultades para acceder aos procedementos en liña ou que carecen de medios tecnolóxicos propios. O obxectivo é garantir unha administración máis próxima, accesible e igualitaria para toda a poboación.

Para unha mellor organización da xornada, estableceranse quendas de atención, polo que as persoas interesadas deberán solicitar cita previamente. A reserva poderá facerse acudindo á Casa da Cultura ou chamando por teléfono antes da data prevista para a celebración da actividade.

⚙ Configurar cookies
0.077960968017578