O Verán Bonito levará máis de trinta concertos aos locais hostaleiros de Burela durante xullo e agosto

O Concello de Burela e a Asociación de Hostalaría de Burela presentaron a segunda edición de Verán Bonito, un programa que volverá encher de música en directo os establecementos hostaleiros da localidade durante os meses de xullo e agosto. A iniciativa desenvolverase entre o 1 de xullo e o 30 de agosto e reunirá máis de trinta actuacións de diferentes estilos e formatos.
Despois da boa acollida da primeira edición, Verán Bonito regresa co propósito de dinamizar a vida social e cultural da vila durante o verán, ao tempo que contribúe a impulsar a actividade da hostalaría e ofrece unha proposta de lecer tanto para a veciñanza como para as persoas que escollen Burela como destino nestas datas.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, puxo en valor o labor desenvolvido pola Asociación de Hostalaría na organización do programa e agradeceu a súa implicación para sacar adiante unha programación tan ampla. “Sen o traballo da Asociación de Hostalaría esta iniciativa non sería posible”, destacou. O edil tamén lembrou a boa resposta acadada na edición anterior e amosou a súa satisfacción pola acollida que está a ter a programación deste ano. Segundo explicou, “o obxectivo é ofrecer alternativas de lecer tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Burela durante o verán, contribuíndo a crear ambiente na vila e animando á xente a saír e desfrutar da oferta hostaleira”.
Fernández incidiu ademais no impacto que esta iniciativa ten sobre a economía local, ao considerar que a programación musical favorece a actividade dos establecementos hostaleiros e contribúe a xerar movemento económico e a reforzar o atractivo turístico de Burela durante a tempada estival.