O Valadouro reúne seis grupos na XL Semana do Teatro Amador

AMariñaXa
A programación desenvolverase do 29 de agosto ao 3 de setembro con funcións diarias e entrada de balde no salón de actos do Centro Sociocultural Manuel Lourenzo
casa-cultura-valadouro-teatro-salon-de-actos
24 Aug 2026

O Valadouro volverá converterse durante seis noites nun punto de encontro para o teatro afeccionado coa celebración da XL Semana do Teatro Amador, que se desenvolverá entre o sábado 29 de agosto e o xoves 3 de setembro. A cita reunirá formacións procedentes de Alfoz, San Martiño, Fazouro, Barreiros e Foz, cunha representación diferente cada xornada.

Todas as funcións comezarán ás 22.00 horas no salón de actos do Centro Sociocultural, Xuvenil e da Terceira Idade Manuel Lourenzo e serán de entrada gratuíta.

A programación abrirase o sábado 29 con Os Pícaros de Lagoa, de Alfoz, que levarán ao escenario 'Da taberna ao consultorio e da cociña ao purgatorio', unha adaptación realizada pola propia agrupación. Ao día seguinte será a quenda de O Centiño, de San Martiño, coa obra 'O autobús...', de Pepe Peinó.

O luns 31, A Adala, de Fazouro, presentará 'Ai, señor, señor...', unha adaptación e creación do grupo. Xa en setembro, o martes día 1, Ollomao, de Barreiros, representará 'Dona Clara', mentres que o mércores 2 Pico do Castro, de Foz, chegará ao escenario con 'Cousas de vellos'.

A última xornada celebrarase o xoves 3 de setembro e servirá tamén de antesala ás Festas do Oito. A sesión contará co pregón a cargo de Antonio Seijas e pecharase coa actuación do grupo Touporroutou, de Foz, que representará 'Aquí non paga nin Dios...', unha adaptación coa que concluirá esta edición da Semana do Teatro Amador.

Deste xeito, o Concello do Valadouro mantén unha proposta cultural que alcanza xa a súa 40ª edición e que reserva durante case unha semana un espazo destacado ás compañías de teatro afeccionado da contorna.

teatro decembro valadouro 2022
0.11640596389771