O Valadouro reparte as lentes para seguir con seguridade a eclipse do 12 de agosto

O Concello do Valadouro completou o reparto das lentes especiais destinadas á observación segura da eclipse do próximo 12 de agosto. O municipio recibiu un total de 300 unidades enviadas pola Deputación de Lugo, parte das cales foron destinadas aos nenos e nenas que participan este verán no programa Ludiverán 2026.
O material foi entregado aos monitores responsables desta iniciativa municipal para que o distribúan entre os menores asistentes, facilitando así que poidan contemplar o fenómeno astronómico coas medidas de protección adecuadas.
Paralelamente, o Concello puxo o resto das lentes á disposición da veciñanza nas oficinas municipais. As unidades fóronse entregando por orde de solicitude ata esgotar as existencias dispoñibles.
Debido á cantidade limitada de material recibido e co obxectivo de que as lentes chegasen ao maior número posible de familias, estableceuse un máximo dunha unidade por vivenda. A elevada demanda fixo, con todo, que non fose posible atender todas as peticións recibidas.
O reparto enmárcase nas iniciativas impulsadas con motivo da eclipse total de Sol do 12 de agosto, un acontecemento astronómico que poderá contemplarse desde Galicia e que está a xerar unha importante expectación ante a proximidade da data.