O Valadouro reivindica a súa tradición oral coa presentación do “Cancioneiro do Valadouro”

O concello de O Valadouro acollerá o vindeiro 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a presentación do caderno Cancioneiro do Valadouro, unha publicación que recolle parte da riqueza da tradición oral e musical da comarca.
O acto, organizado polo Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), terá lugar ás 19:00 horas na Casa da Cultura Manuel Lourenzo e pretende converterse nun punto de encontro arredor da memoria colectiva e da identidade cultural. A obra recompila coplas e pezas tradicionais transmitidas de xeración en xeración, recollidas directamente da veciñanza do municipio.
A presentación contará coa participación dos seus recompiladores, Xesús Pisón, Isaac Ferreira e Manuel Lourenzo, quen darán a coñecer os detalles do traballo realizado e a importancia de conservar este legado inmaterial.
A xornada estará acompañada de diferentes actuacións musicais que porán en valor a tradición sonora da zona. Entre elas figuran interpretacións como O pranto da Frouseira, con música de Miro Casabella, así como a participación de artistas como Paloma Suanzes, Pilocha, Sabela Vázquez ou Tania Capón. Tamén actuarán agrupacións como a Escolma de Cántigas do Valadouro e a A.C. Amado Lar, que interpretará a peza Mazurca do Cadramón.
Desde a organización destacan que esta iniciativa busca non só divulgar o patrimonio cultural, senón tamén fomentar a súa continuidade entre as novas xeracións, convertendo o encontro nunha oportunidade para gozar e manter viva a tradición.