O Valadouro quenta motores para a segunda Xuntanza Old School

O municipio de O Valadouro volverá converterse no epicentro do motor o vindeiro 18 de xullo de 2026, coa celebración da 2ª Xuntanza Old School, un evento organizado polo Moto Clube Val D’Ouro que promete reunir a afeccionados e afeccionadas ás motos clásicas nunha xornada chea de compañeirismo, paixón e boa música.
Desde o club anuncian que o cartel é provisional, mais a intención é ir quentando motores e animar á xente a reservar a data. O encontro, que xa tivo unha primeira edición de grande éxito, quere consolidarse como unha cita anual de referencia no calendario moteiro galego.
A Xuntanza Old School pretende recuperar o espírito das concentracións tradicionais, cun ambiente familiar, boa comida e moita estrada compartida. A organización adianta que nas próximas semanas iranse coñecendo máis detalles sobre o programa, os grupos musicais e as actividades complementarias, que combinarán exhibicións, rutas e momentos de convivencia.
Desde o Moto Clube Val D’Ouro subliñan que esta iniciativa “nace do amor polas motos, pero tamén da amizade e da ilusión por manter vivo o espírito moteiro na comarca”.
A cita celebrarase en O Valadouro (Lugo), nun espazo que volverá encherse de motores, risas e historias sobre dúas rodas, nunha festa aberta a todos os públicos.