O Valadouro esixe ao Sergas cubrir as dúas prazas de médico do centro de saúde

O pleno do Concello de O Valadouro aprobou por unanimidade unha moción do BNG para reclamar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cobertura inmediata das dúas prazas de médico que lle corresponden ao centro de saúde da localidade. A iniciativa busca poñer fin a unha situación de falta de profesionais que, segundo os nacionalistas, se mantén de maneira habitual nos últimos anos e que non só non mellora, senón que continúa empeorando.
O portavoz do BNG, Eduardo Chao, lembrou que as mobilizacións veciñais e as reclamacións trasladadas pola formación ao Parlamento galego, en abril de 2024, permitiran cubrir provisionalmente as prazas. Porén, considerou que aquela solución foi temporal e non resolveu o problema de fondo. "Foi algo efémero e conxuntural, algo para saír do paso ante as protestas veciñais e as reclamacións do BNG no Parlamento. En definitiva, foi un parche", sinalou.
Chao defendeu a necesidade de que a corporación municipal reclame de maneira expresa á Consellería de Sanidade e ao Sergas que se cubran integramente as dúas prazas asignadas ao municipio. O nacionalista agradeceu o respaldo de todos os grupos políticos e incidiu en que se trata dunha demanda vinculada aos dereitos da cidadanía e ao acceso á atención sanitaria.
Tras a aprobación do acordo, o portavoz asegurou que a formación continuará reclamando as medidas necesarias e fará seguimento do seu cumprimento. A partir de agora, corresponderalle á Alcaldía e ao equipo de goberno realizar as xestións necesarias para trasladar a petición ás administracións competentes.
A PRAZA DE SANTA MARÍA. Outro dos asuntos abordados no pleno foi a remodelación da Praza de Santa María. O BNG solicitou explicacións ao alcalde sobre a celebración das festas neste espazo cando as obras aínda non estaban rematadas nin foran recibidas oficialmente polo Concello.
A actuación contaba cun orzamento de 220.000 euros, dos que o municipio asumiu 66.000, o 30 % do total, mentres que a Xunta financiou o 70 % restante. Segundo expuxo a formación nacionalista, os traballos tiveron dificultades durante a execución e recentemente producíronse inundacións en locais comerciais da contorna debido ás chuvias.
Eduardo Chao preguntou como se autorizara a celebración das festas na praza sen que a intervención estivese finalizada nin recepcionada. O alcalde respondeu que se realizara mediante unha autorización provisional. O portavoz do BNG cualificou esa decisión de temeraria, ao considerar que podería ter provocado danos irreversibles na obra.