O Val homenaxeará a súa historia musical cun festival que reunirá a artistas de varias xeracións

AMariñaXa
A cita, prevista para o 7 de agosto, combinará obradoiros, unha mesa redonda, concertos e unha exposición fotográfica dedicada ao patrimonio musical da parroquia
valadouro-Festival-Homenaxe-aos-Músicos-do-Val-2026
31 Jul 2026

Os Concellos do Valadouro e Alfoz do Castrodouro despedirán a programación cultural do verán coa celebración da primeira edición do Festival Homenaxe aos Músicos do Val, unha iniciativa que nace co propósito de recoñecer a traxectoria dos artistas e formacións que contribuíron a construír a identidade musical da zona ao longo das últimas décadas.

A cita desenvolverase o vindeiro 7 de agosto e reunirá sobre o escenario a intérpretes de distintas xeracións nun espectáculo pensado para percorrer a evolución musical da parroquia. O festival contará coa participación de músicos con ampla traxectoria, integrantes de históricas orquestras, agrupacións tradicionais e artistas convidados que compartirán escenario nunha proposta colectiva.

Entre os participantes figuran nomes como Miro Casabella, Pablo Peláez, Juan Clemente Novo, o dúo Hameenlinna, músicos vinculados ás orquestras Los Mejoranos e Arcadio Nueva Ola, ademais de Edmundo Maseda, compoñentes de Porto D'Ouro, as pandereteiras Medianas de Amadolar e a Banda de Música, que contará coa colaboración de María Hermida, Ricardo Trigo e Fran Cupeiro. O peche da xornada correrá a cargo do grupo de rock Nymphae, encargado de poñer o broche final ao festival.

A programación arrancará ás seis da tarde cun obradoiro musical gratuíto dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. A actividade contará con prazas limitadas, polo que será preciso realizar inscrición previa.

Posteriormente, entre as 20.00 e as 21.00 horas, celebrarase unha mesa redonda moderada polo escritor Lionel Rexes, na que varios dos artistas participantes compartirán experiencias e reflexionarán sobre a evolución da música no Val e a importancia de preservar este legado.

A partir das nove da noite comezarán os concertos, que se prolongarán ata preto da medianoite e reunirán sobre o escenario boa parte dos protagonistas desta homenaxe á historia musical da parroquia.

Durante toda a xornada tamén poderá visitarse a exposición "Aquí segue SOANDO a música", unha mostra integrada por fotografías antigas e actuais que recollen a evolución das formacións e dos músicos do Val desde comezos do século XX ata a actualidade.

Con esta primeira edición, a organización a Asociación Cultural Escola de Música Ó compás do rio Ouro, pretende render tributo ás persoas que fixeron medrar a tradición musical da parroquia e, ao mesmo tempo, crear un espazo de encontro entre distintas xeracións de artistas e afeccionados, poñendo en valor un patrimonio cultural que continúa moi vivo.

PROGRAMACIÓN

0.1207640171051