O "Universo Vizoso" desembarca en Mondoñedo cun cento de obras que retratan a traxectoria dun artista total

O Centro Sociocomunitario de Mondoñedo acolle ao longo de todo o mes de maio a exposición Universo Vizoso, unha viaxe pola obra diversa e prolífica do creador mindoniense Xosé Vizoso (1950), artista polifacético que deixou fonda pegada no deseño, na ilustración, na escultura e na arte pública galega. A mostra, comisariada polo xornalista e realizador Aser Álvarez, está promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e chega á súa vila natal tras iniciar a súa itinerancia con motivo do Día da Ilustración, que este ano se dedicou á súa figura.
A exposición reúne preto dun cento de pezas, entre carteis, ilustracións e debuxos que percorren a evolución creativa dun dos nomes máis destacados da arte galega contemporánea. Entre elas destaca especialmente a escultura San Froilán, pertencente ao fondo do Museo Provincial de Lugo, que por vez primeira sae da súa sede para formar parte desta mostra itinerante.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou na inauguración e destacou o vínculo emocional e artístico de Vizoso coa súa terra: “Quixemos traer esta exposición a Mondoñedo como un recoñecemento á orixe, ao berce creativo dun artista que nunca deixou de incorporar á súa obra elementos da súa infancia, como os cabalos ou as festas populares”. Castro lembrou que o obxectivo do proxecto é dar visibilidade á riqueza dunha traxectoria que vai moito máis alá do recoñecido traballo en Sargadelos.
A mostra complétase con fotografías do arquivo familiar de Vizoso, que permiten afondar na súa vida e personalidade, así como con códigos QR que dan acceso a contidos audiovisuais con testemuños do propio artista. Nese material multimedia afonda tamén o propio comisario da exposición, Aser Álvarez, quen mantén unha relación de amizade de décadas co autor.
“Vizoso é un artista silencioso, como aquela troita que deixa milleiros de ovos no río sen que ninguén o saiba, como dicía Neira Vilas. A súa obra está presente na paisaxe visual de Galicia, mesmo sen que nos decatemos”, explica Álvarez, quen tamén destaca o seu papel como muralista, caricaturista, escenógrafo ou deseñador gráfico.
A raíz dunha reportaxe sobre o centenario do Quixote, comenza unha colaboración entre ambos que deu lugar a proxectos como o Mural do Furriolo, unha homenaxe ás vítimas da represión franquista inaugurada en 2006 en Celanova. “Este proxecto expositivo nace cando descubro o seu universo na súa casa, cando comezo a escoitar falar ás súas pezas. Por iso esta mostra é tamén un relato persoal e emotivo”, engade Álvarez.
O percorrido artístico pola obra de Vizoso ofrece unha mirada á súa versatilidade, que abrangue desde a creación de logotipos ata a ilustración de centos de libros, pasando polo deseño de obxectos únicos e pezas seriadas que marcaron unha época. A exposición en Mondoñedo é, en palabras do seu comisario, “un petisco dunha obra imprescindible para entender a arte contemporánea galega”.