O TSXG rexeita suspender o recrecemento do depósito de lodos vermellos de Alcoa en Xove

AMariñaXa
O tribunal descarta a medida cautelar pedida por unha asociación ecoloxista e sinala que non se trata dunha nova actividade industrial
alcoa-balsa-lodos-vermellos
27 Oct 2025

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar a petición dunha asociación ecoloxista que solicitara a suspensión cautelar da resolución da Xunta pola que se autorizou o plan de restauración e o proxecto de construción do recrecemento do depósito de lodos vermellos de Alcoa, situado no termo municipal de Xove (Lugo).

A Sala rexeitou as alegacións presentadas pola asociación e salientou que “é moi importante ter en conta que non se está en presenza da autorización dunha nova actividade, senón da modificación dunha estrutura para proseguir coa que xa existía coa súa autorización”.

Os maxistrados explican que, para que a medida cautelar fose admitida, deberíase ter acreditado “de forma rigorosa ou moi indiciaria” a aparición de novos danos ambientais ou o incremento dos xa existentes, sempre que estes tivesen a súa orixe na modificación da estrutura da balsa. “Para iso sería necesaria unha proba técnica elaborada por un especialista en disciplinas asociadas a ese tipo de estrutura, o que non foi o caso”, recolle o auto.

O tribunal lembra ademais que en resolucións anteriores xa fixera “especial énfase na ponderación dos intereses en xogo”. Neste sentido, subliña que estes intereses “non son tanto os da promotora da actividade extractiva e de elaboración do aluminio, senón os propios da carencia desa materia prima, así como os dos traballadores, contratistas, clientes, veciños, familias e negocios da zona”.

O TSXG indica tamén que a asociación ecoloxista non presentou alegacións específicas sobre estes aspectos. O auto non é firme, xa que cabe interpoñer recurso.

⚙ Configurar cookies
0.069386005401611