Autorizada a ampliación da balsa de lodos vermellos de Alcoa en San Cibrao

A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, vén de aprobar a autorización para a ampliación da balsa de lodos vermellos da planta de Alcoa en San Cibrao, unha medida que permitirá incrementar a súa capacidade en catro metros máis.
A balsa de lodos vermellos resulta esencial para o funcionamento da factoría, xa que posibilita o depósito dos residuos xerados durante o proceso industrial de produción de alúmina a partir de bauxita mediante o proceso Bayer. Sen esta infraestrutura, a continuidade da actividade veríase comprometida.
A autorización agora concedida cumpre co compromiso anunciado pola conselleira de Economía e Industria, que avanzara hai unhas semanas que o permiso estaría dispoñible a mediados de mes.
Ademais, a aprobación conta cunha declaración de impacto ambiental favorable, garantindo unha tramitación respectuosa co medio ambiente e en liña coas normativas vixentes.