O Troitas Bravas acadou o seu primeiro título nacional na final de billarda en Santiago

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os Troitas Bravas Billarda acadaron o seu primeiro título Nacional e Marcos Rodriguez Rodriguez, Markytos foi o campión de varados
final santiago billarda
17 Xuño 2023

Facía xa catro longos anos dende a última vez que palanadores e palanadoras de toda Galicia se xuntaran en Compostela. Nestes catro anos pasaron moitas cousas, distanciamentos inexplicables, restruturacións necesarias e amigos que se foron e outros que viñeron para quedar. Todo elo fixo que a xornada do domingo fose máis emotiva e necesaria que nunca.

Dende moi cedo xentes das Rías Baixas e de toda a provincia da Coruña saían á mesma hora que a guagua de Ribadeo, a cal ao seu paso por media provincia de Lugo ateigouse ata os topes cara Compostela, capital mundial da billarda por un día.

Á chegada ao Castiñeiriño a emoción víase nos ollos da xente, apertas verdadeiras nas que se fundiron de novo as distintas conferencias e saúdos interminables. A LNB é isto, amizade e paixón!

Pronto empezaron as billardas a voar pola area, oito grupos distribuídos en catro campos. As primeiras carreiras fixéronse longas, xa que cada pouco había que parar a saudar aquelas amizades que aínda non viras e así foi pasando a mañá da que saíron de cada grupo catro clasificados para desputar a coroza de campión nacional.

Tamén na mañá quedou decidido quen sería o campión de varados. E non podía ser outro que o tricampión nacional Marcos Rodriguez Rodriguez, Markytos foi o único en conseguir ese golpe excepcional que todos buscaban.

Na categoría infantil Alba de Troitas foi terceira, Valentín de Filloas de Sangue segundo e Antía de Gharaboto proclamouse campiona demostrando que non son futuro, se non xa son o presente da billarda.

Na clasificación feminina dúas grandes campioas xa míticas da LNB voltaron ao podio. Geni de Billardeiros foi terceira e Elena de Gharaboto subcapiona. Pero nesta ocasión a campioa foi Aroa dos Billardeiros Musicais que con unha xornada brilante case se mete nas semifinais da categoría absoluta.

Por equipos as Troitas Bravas Billarda acadaron o seu primeiro título Nacional nun ano espectacular para elas. No segundo chance estivo a grata sorpresa da tarde, unha equipa histórica, unha equipa fundadora da LNB, unha equipa querida por todos, acadaron o subcampionato os Remourelle Bulls nun desempate quedando así terceiros Corredoiras de Bueu, outros asiduos do podio en Compostela.

Así chegamos á tarde onde se disputaron as eliminatorias pola coroza que se outorga ao campión nacional.

Trinta e dous supervivintes foron desputando carreiras baixo o sol ata que só catro xogaron as semifinais. Manu Caldeiro eliminou a Navallo, Milio fixo o mesmo con Benito. A gran final estaba servida!

No terceiro e cuarto posto David Navallo de Troitas Bravas logrou subir a pódio ao gañar a Benito de Corredoiras que quedou así nun meritorio cuarto posto.

Con paixón e nervos estaba espectante o público para ver quen sería o sucesor de Daniel Rodriguez Saavedra, último Caroceiro Nacional. O bravo Manu saía con un gran golpe que deixaba a billarda ao pé de varal, Milio facía o mesmo e sen tremarlle o pulso metía a billarda nun segundo golpe. Na segunda carreira saíu Milio, moi concentrado toda a final, fallou Manu e de novo en dous golpes Emilio José Acevedo Iglesias conseguiu alzarse como Caroceiro Nacional e campión da tempada 22/23 facendo que o seu equipo, os Remourelle Bulls saltaran de ledicia ante o feito histórico que estaba a suceder naquel mesmo intre!

Parabéns a todos e todas as gañadoras da xornada, pero tamén parabéns a todas as xentes e equipas participantes. Gharaboto, Valpaços, Corredoiras, Rinocerontes, Cochiqueiros, Filloas de Sangue, Campo da Feira, APB Santa Marta, Xogos Tradicionais Compostela, Billardeiros Musicais, Remourelle Bulls, Castiñeiro Milenario, Carabullo, Billarda Verde, Chainzos-Cadaval, Troitas Bravas e Madia Leva conseguiron facer unha xornada para non esquecer nunca!

Pero a LNB non só é billarda, non só é amizade, tamén é cultura, festa e respeto. Por iso se fixo entrega dende o Varal de unha placa co texto, "En lembraza de Mario Rodríguez, gran valedor da LNB nas finais de Compostela e impulsor do imparabel rexurdir da billarda por todo o país enteiro.. Conxo e Mario Sempre!!" Recollida pola familia do noso Mário; e nada máis acabar este acto unha explosiva sesión vermú billardeira cargada de música e reivindicación a cargo de dous artistas palanadores da LNB. Primeiro Carlos Gende Prego, Xenderal e despois Manu Kasoaparte puxeron a brincar a todo quisque!

0.083669185638428