O tren turístico de Ribadeo ofrece oito viaxes diarias
O tren turístico de Ribadeo, que comenzou a súa sétima tempada a mediados de xullo, estará operativo ata o 15 de setembro.
O tren turístico ofrece oito viaxes diarias para que os visitantes poidan coñecer Ribadeo e os seus recunchos máis emblemáticos nun percorrido de 50 minutos de duración, que sae todos os días desde as inmediacións da oficina de turismo para achegarse ata o porto deportivo, o paseo marítimo, o Faro da Illa Pancha, onde realiza unha pequena parada, e pasa polas principais rúas da vila.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “dende hai varias semanas xa está en funcionamento o tren turístico de Ribadeo, despois do proceso de licitación e adxudicación por catro tempadas. É un atractivo máis no importante numero de actividades turísticas que se promoven ou que se organizan dende o Concello, e que permite a quen nos visita e a veciñas e veciños coñecer dunha maneira moi cómoda e moi amena o casco de Ribadeo, e achegarse a enclaves como o Forte de San Damián e a Illa Pancha. Ademais durante o percorrido, os usuarios poden informarse da historia e do presente de Ribadeo, de xeito que resulta unha experiencia moi recomendable”.
O propietario do tren turístico, José Antonio Neira, dixo que “despois destes seis anos que xa botamos e coa experiencia que xa collemos, renovamos por catro anos, e dous máis, é dicir ao final serán outros seis. Os horarios son os mesmos, pola mañá hai tres saídas, ás 11, ás 12 e ás 13 horas e pola tarde tamén son os mesmos horarios destes anos ás 16, 17, 18, 19 e 20 horas, sempre dende diante da oficina de turismo, aquí no parque de San Francisco. En liñas xenerais o recorrido tamén é similar porque baixa polo medio do pobo, como facía, e vai a carón do club náutico, porto deportivo neste caso, Forte de San Damián e ata o faro. Alí para uns minutiños como xa paraba”.
O tren turístico, que iniciou a súa sétima tempada a mediados de xullo, estará operativo ata o 15 de setembro. José Antonio Neira explicou que “hai unha pequena variación na volta, porque pasa pola rúa San Roque e despois pola praza e baixa ao que seria o porto mercante e sube outra vez pola rúa Buenos Aires, é unha pequena variación que eu penso que incluso melloramos o tema”. E engadiu: “o recorrido é de 50 minutos aproximadamente, en liñas xerais todas as pequenas reformas que se fixeron esperemos que sexan para mellorar o tema. Cada ano estase consolidando este tren turístico, sobre todo as excursións, que antes non había, empezamos case sen excursións, logo cada ano hai algunha mais e este ano estamos vendo que xa empezan a chamar as excursións, e iso é importante”.