O torneo Heroes do Orzán reunirá máis de 1000 xogadores e xogadoras na Mariña na súa XII edición

O Pazo de San Marcos foi o escenario da presentación oficial da décimo segunda edición do torneo de fútbol sala base “Heroes do Orzán”, unha competición que combina deporte, memoria e dinamización económica. O evento celebrarase do 20 ao 24 de xuño en distintos pavillóns da Mariña lucense e está organizado pola Fundación Indecum co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O torneo rende homenaxe a Rodrigo Maseda Lozano, axente da Policía Nacional natural de Burela falecido en 2012 mentres tentaba salvar a vida dun mozo na praia do Orzán da Coruña, xunto cos seus compañeiros José Antonio Villamor e Javier López.
Nesta edición, a competición reunirán máis de 1000 participantes entre xogadores, xogadoras e persoal técnico, pertencentes a 93 equipos das categorías de base —desde biberón ata xuvenil— en modalidades masculinas, femininas e mixtas. Disputaranse un total de 181 encontros deportivos ao longo de cinco días.
Os partidos desenvolveranse en cinco sedes repartidas por toda a comarca: os pavillóns Vista Alegre e Monte Castelo en Burela, A Veiga en San Cibrao, o pavillón municipal de Xove, o Marzán de Foz e o de Viveiro. Esta distribución territorial reforza o impacto social e económico do evento en todo o territorio mariñao.
Durante a presentación estiveron presentes, entre outras autoridades, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; a nai de Rodrigo Maseda, Isabel Lozano; o presidente da Fundación Indecum, Marcelino Luna; o tenente alcalde de Burela, Mario Pillado; o presidente do Burela FS, José Luis Sáez; e o Comisario Xefe Provincial da Policía Nacional, Luis Miguel Romera. Tamén asistiron Pablo Prieto, presidente da Federación Galega de Fútbol, así como representantes da Xunta de Galicia e da Cruz Vermella en Lugo e de Abanca.
Efrén Castro destacou o apoio constante da Deputación ao torneo, que financia desde a súa primeira edición no ano 2013. “Falamos moitas veces de xestas heroicas no deporte, pero o que fixeron estes tres mozos é a verdadeira definición de heroísmo. Nada máis fermoso que un torneo de base para manter viva esa lembranza”, afirmou.
Pola súa banda, Marcelino Luna resaltou a importancia de que haxa presenza de equipos tanto femininos como masculinos en todas as categorías. Subliñou tamén o forte impacto económico do torneo na zona, xa que máis de 600 persoas de fóra da provincia aloxaranse en establecementos de Viveiro, Cervo, Foz, Burela e Barreiros. A esta cifra engádese o número de familiares e acompañantes, o que suporá un impulso significativo para a hostalería local.
A organización está a ultimar a loxística para o aloxamento dos equipos procedentes de diferentes puntos de Galicia, Castela e León, Madrid, Asturias, Cantabria e, por primeira vez, Portugal. Todo está preparado para que o torneo Heroes do Orzán se consolide, un ano máis, como unha cita deportiva, emocional e económica de referencia na Mariña lucense.