O tenis volve ser protagonista en Foz co XXVII Torneo Vila de Foz

O Foz Club de Tenis, en colaboración co Concello de Foz, pon en marcha unha nova edición do Torneo de Tenis Vila de Foz, que este ano alcanza a súa XXVII convocatoria. A competición desenvolverase nas instalacións de Marzán entre o 15 e o 24 de agosto, convertendo a localidade nun punto de encontro para amantes deste deporte.
O torneo contará con varias categorías, que van desde o individual absoluto ata as modalidades de dobres absoluto, mixto e a sección dedicada a xoves promesas, co obxectivo de ofrecer espazo tanto aos xogadores máis experimentados como ás novas xeracións.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o luns 11 de agosto nos números de teléfono 619 60 44 95 e 609 91 91 13. A organización agarda unha alta participación e un bo nivel competitivo, mantendo o espírito de convivencia e deportividade que caracteriza esta cita anual.