O Teatro Pastor Díaz de Viveiro será renovado para frear filtracións e humidades

AMariñaXa
As obras permitirán actuar nas cubertas e fachadas, renovar a iluminación e instalacións eléctricas, mellorar as saídas de emerxencia e restaurar os elementos artísticos da sala
teatro-pastor-diaz-viveiro-2
27 Aug 2026

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro afrontará unha importante intervención de conservación e mellora cun investimento superior aos 200.000 euros. As obras desenvolveranse entre 2026 e 2027 e estarán centradas tanto en solucionar os problemas de filtracións e humidades como en modernizar diferentes instalacións do histórico equipamento cultural.

A actuación realizarase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Viveiro e busca frear o deterioro provocado polo paso do tempo, garantindo ao mesmo tempo a seguridade, funcionalidade e conservación do edificio.

Unha das prioridades será solucionar as filtracións detectadas na cuberta e nas fachadas. Tamén se actuará contra as humidades por capilaridade, ademais de realizar melloras nos sistemas de seguridade e modernizar a iluminación do patio de butacas.

Os traballos dividiranse en dúas anualidades. Para 2026 están reservados 38.119 euros destinados ás actuacións preliminares, medios auxiliares, plans de seguridade e, especialmente, ás obras urxentes de estanqueidade exterior nas cubertas e nos puntos de encontro coas fachadas.

A maior parte da intervención executarase durante 2027, cun orzamento de 161.881 euros. Esta segunda fase permitirá acondicionar as fachadas e os trasdosados interiores e renovar os sistemas de iluminación escénica e as instalacións eléctricas.

O proxecto inclúe igualmente a substitución e mantemento das portas de emerxencia e a restauración especializada dos lenzos artísticos existentes no interior da sala, preservando así os elementos de maior valor cultural e decorativo.

As actuacións están deseñadas para respectar a configuración arquitectónica do Teatro Pastor Díaz e conservar os seus valores históricos, ao tempo que se actualizan instalacións necesarias para o desenvolvemento da programación cultural.

Un edificio ligado á historia cultural de Viveiro

A traxectoria do Teatro Pastor Díaz remóntase á primeira metade do século XX. Ao longo das décadas, o recinto acolleu representacións teatrais, concertos, proxeccións de cine mudo e numerosas actividades sociais, consolidándose como un dos principais referentes culturais de Viveiro.

O edificio presenta unha planta trapezoidal e destaca pola súa acústica, pola integración no tecido urbano histórico e pola riqueza decorativa dos seus espazos interiores.

Entre os elementos máis singulares atópanse as pinturas situadas no teito e no friso superior do escenario, nas que aparecen representados Rosalía de Castro e Nicomedes Pastor Díaz como homenaxe á literatura galega.

A reforma prevista permitirá actuar sobre os problemas de conservación acumulados no inmoble e, ao mesmo tempo, modernizar parte dos seus equipamentos para prolongar a vida útil dun dos espazos culturais máis emblemáticos de Viveiro.

0.14396905899048