O Teatro das Cortes do Vicedo recibe o Premio Son d’aldea pola súa aposta pola cultura no rural

O Teatro das Cortes, situado no lugar do Xestoso, na parroquia de Cabanas, no Vicedo, recibirá o Premio Son d’Aldea na décimo quinta edición desta iniciativa cultural, que se celebra no concello de Palas de Rei e está dedicada á defensa da vida nas aldeas, á recuperación da memoria e á dignificación do rural.
O xurado da Asociación Cultural Son d’Aldea decidiu recoñecer nesta ocasión o proxecto mariñán pola súa contribución á dinamización cultural do rural. A entrega terá lugar o sábado 5 de setembro, ás 17.00 horas, no campo da festa de Santiago de Albá, dentro dunha xornada que incluirá tamén un itinerario teatral por San Miguel de Coence, xogos populares e actuacións musicais.
O Teatro das Cortes naceu da transformación dunha antiga corte de vacas nun singular espazo dedicado á cultura. As súas instalacións acollen representacións teatrais, concertos, exposicións, actividades formativas e encontros para públicos de diferentes idades, convertendo un pequeno núcleo rural nun punto de encontro cultural na Mariña.
Un dos sinais de identidade do proxecto é tamén a defensa da lingua galega, empregada como vehículo habitual de comunicación, creación artística, lecer e relación entre xeracións.
O recoñecemento de Son d’Aldea conecta así dúas iniciativas que comparten a reivindicación do rural como un espazo vivo e capaz de xerar actividade cultural. O certame de Palas de Rei chega este ano á súa décimo quinta edición cun programa que combina reflexión, teatro, gastronomía, xogos tradicionais e música.