O Teatro das Cortes do Vicedo pecha a súa programación anual cunha tarde de teatro e música

AMariñaXa
A cita será o sábado 7 de novembro en Cabanas, O Vicedo, cunha ofrenda teatral ao Porco de Pedra dos Andrade, un monólogo do actor galego e un concerto
teatro-das-Cortes-VIcedo-Galicia-Latente
2 Nov 2026

O Teatro das Cortes, situado en Cabanas (O Vicedo), despedirá a programación deste ano o sábado 7 de novembro cunha tarde dedicada ao teatro e á música. A xornada combinará unha actividade participativa arredor do Porco de Pedra dos Andrade, a actuación do actor Federico Pérez e un concerto dos Acordeonistas da Mariña. Todas as propostas serán de balde.

A programación arrancará ás 18.00 horas coa cuarta edición da "Ofrenda e diálogos teatrais co Porco de Pedra dos Andrade". A iniciativa, que xa se converteu nunha cita tradicional, está aberta á participación da veciñanza e das persoas asistentes, que poderán achegarse a esta singular figura para lerlle textos, cantarlle ou mesmo pedirlle consello. A actividade incluirá tamén pequenas pezas teatrais da Brigada Teatral das Cortes.

Ás 19.30 horas chegará a quenda de Federico Pérez, que presentará o espectáculo "Xa que o sabes voucho contar (e cantar)", un monólogo humorístico co que está a percorrer diferentes escenarios de Galicia. O intérprete é un rostro coñecido tanto no teatro como no ámbito audiovisual, cunha ampla traxectoria en producións televisivas e cinematográficas.

Na actualidade, ademais de representar este monólogo, forma parte do elenco da adaptación teatral de "Memorias dun neno labrego", dirixida por Cándido Pazo e coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións. Ao longo da súa carreira tamén participou en obras como "O Florido Pensil", "A Leituga" e "O Montacargas".

Na televisión traballou en series como "Era Visto", "Air Galicia", "Padre Casares", "Pepe O'Inglés", "Cuéntame", "La que se avecina" e "Tiempos de guerra". No cine participou en películas como "Os Fenómenos", "Encallados", "As Bestas", "Cuñados" e "Trote", filme polo que recibiu un premio Mestre Mateo.

A música será a encargada de poñer o broche á xornada. A partir das 21.00 horas actuará o colectivo Acordeonistas da Mariña, que ofrecerá un concerto para despedir a programación anual do espazo cultural.

A actividade está organizada pola asociación cultural Volta e Dálle e conta co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e do Concello do Vicedo. A entrada será gratuíta.

0.17341208457947