O Teatro das Cortes, de O Vicedo, presenta unha ambiciosa programación cultural para os vindeiros meses

O Teatro das Cortes, situado na aldea de Cabanas, no concello do Vicedo, foi escenario na mañá deste 19 de abril da presentación dunha nova etapa da súa programación cultural, marcada pola diversidade de propostas e pola aposta pola recuperación da memoria e das tradicións populares. No acto participaron representantes da Asociación Cultural Morreu o Demo, Isa Coldeira e Anxo García, xunto con Lucho Penabade, impulsor deste espazo cultural.
A presentación serviu para dar a coñecer o programa “Da Barraca á Aula: A memoria das festas”, unha iniciativa que busca achegar o patrimonio do títere tradicional galego ao rural a través de actividades formativas, divulgativas e escénicas. Obradoiros, exposicións, videofórums e representacións conforman unha proposta que pretende conectar co público escolar, coa terceira idade e cos colectivos culturais, poñendo en valor unha tradición profundamente ligada ás feiras e festas populares.
A primeira cita destacada terá lugar o 25 de abril no propio Teatro das Cortes coa xornada “Onde foi Barriga Verde?”, que incluirá unha exposición, un obradoiro de creación de monicreques dirixido a persoas adultas e a representación do mítico personaxe a cargo de Viravolta Títeres. A programación completarase cunha peza teatral sobre o 25 de abril portugués, ofrecida pola Brigada Teatral das Cortes. Todas as actividades serán gratuítas, aínda que será preciso inscribirse previamente no obradoiro.
Este proxecto, promovido pola Asociación Cultural Morreu o Demo, desenvolverase ao longo do ano en diferentes concellos galegos, combinando accións en centros educativos e espazos socioculturais. Ademais de fomentar o coñecemento do teatro de monicreques, tamén incorpora iniciativas para recuperar a memoria colectiva, especialmente entre o público maior, e dar a coñecer o labor das compañías e artistas que mantiveron viva esta tradición.
A presentación tamén permitiu avanzar a programación propia do Teatro das Cortes para esta tempada. Tras as actividades de abril, o espazo retomará a súa actividade o 23 de maio co “Sábado das Letras”, unha xornada que incluirá un recital aberto, música tradicional e a participación de Paula Carballeira, quen presentará unha obra dedicada a Begoña Caamaño e ofrecerá unha sesión de narración oral.
Xa en xuño, os días 27 e 28, celebrarase a segunda edición do Festival da Lingua Moza, dirixido a público familiar e xuvenil. O programa incluirá mesas redondas, obradoiros de regueifa e banda deseñada, espectáculos de monicreques e roteiros teatrais, ademais de concertos e encontros interxeracionais arredor da lingua e da cultura galega.
A programación continuará durante o verán con propostas como a actuación de Mofa e Befa o 18 de xullo ou un serán astronómico previsto para o 12 de agosto, coincidindo cun eclipse, que combinará divulgación científica e actividades tradicionais.
O Teatro das Cortes consolídase así como un referente cultural no rural da Mariña, cunha oferta que vai máis alá do teatro para integrar música, cinema, formación e encontros culturais. Desde a súa posta en marcha en 2022, este espazo vén atraendo a un público cada vez máis amplo, procedente tanto da comarca como doutras zonas próximas, reforzando o papel da cultura como motor de dinamización no territorio.