O teatro afeccionado ofrece catro funcións esta fin de semana na Mariña

O teatro afeccionado terá un especial protagonismo esta fin de semana na comarca coa programación de catro representacións en O Valadouro, A Pontenova, Alfoz e Cervo. As actuacións forman parte do Ciclo de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha iniciativa que busca apoiar a continuidade das agrupacións amadoras e fortalecer o tecido cultural, ao tempo que permite aos concellos e asociacións ampliar a súa oferta de actividades.
A primeira cita será o sábado 28 de novembro, ás 19.00 horas, no Centro Sociocultural Manuel Lourenzo do Valadouro. Alí, o Grupo de Teatro do Hospital representará "Paga e Cala", unha obra dirixida a todos os públicos que combina situacións cómicas cunha trama marcada pola incerteza. A historia arrinca durante o ensaio xeral dunha compañía teatral, poucos días antes da estrea, cando os integrantes reciben unha notificación que anuncia unha catástrofe económica e ameaza tanto a representación como o futuro do grupo. Unha chantaxe complicada de resolver e a chegada de visitas inesperadas desencadearán unha sucesión de episodios humorísticos que desembocarán nun desenlace inquietante.
Tamén o sábado, ás 19.00 horas, a Escola de Xudán, na Pontenova, acollerá a representación de "E.L. (Expectativa Lonxana)", a cargo de Nova Escena. A proposta está destinada a maiores de 14 anos e sitúa a acción nun banco dun parque, onde catro mulleres coinciden mentres agardan pola chegada do que esperan que sexa o seu novo amor definitivo. O encontro, que inicialmente parece pouco prometedor, acaba converténdose nun espazo para compartir vivencias, desexos e fantasías. A través das conversas, as protagonistas descobren que teñen máis puntos en común dos que imaxinaban e reflexionan sobre as dificultades para establecer vínculos afectivos nun mundo no que as relacións resultan cada vez máis intanxibles.
A terceira das propostas será "O Autobús", da agrupación O Centiño, que poderá verse en dúas localidades. A primeira función terá lugar o sábado 28, ás 20.00 horas, no Centro Cultural Casa da Cultura de Alfoz, mentres que a segunda será o domingo 29, ás 19.00 horas, no pavillón de San Román de Vilaestrofe, en Cervo. A obra está pensada para todos os públicos e presenta unha viaxe chea de situacións absurdas e divertidas protagonizadas por un grupo de pasaxeiros moi diferentes.
Entre eles están Matías, un xubilado que utiliza o autobús para combater a soidade; Rafael, un profesor tímido e nervioso; Beverly, unha esteticista sofisticada; Miss Stapleton, unha turista inglesa marcada polos equívocos culturais; e Dona Charo e Bartolo, que achegan escenas relacionadas coa vida cotiá e rural, as compras e os animais. Todos viaxan nun vehículo conducido por Roxelio, un chófer experimentado pero algo despistado. A través destes personaxes, a peza combina humor, retranca e crítica social para ofrecer unha mirada próxima e divertida sobre a sociedade.
O ciclo permite así achegar diferentes propostas escénicas a varios municipios lucenses e dar visibilidade ao traballo das compañías de teatro afeccionado, que contribúen a manter viva a actividade cultural nos concellos.