O talento novo e o compromiso social protagonizan os premios do concurso fotográfico Imaxiña 2025

O Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña’25 celebrou no IES Monte Castelo a entrega de premios do seu Concurso Fotográfico Imaxiña 2025, unha cita que serviu para poñer en valor tanto a creatividade da mocidade como o traballo desenvolvido por colectivos sociais da comarca.
Na categoría de Asociacións, o recoñecemento foi para a Asociación Saúde Mental A Mariña, distinguida co premio único desta edición. O certame tamén destacou o talento do alumnado participante na modalidade estudantil, na que o primeiro premio foi para Camilo Leal Amor, mentres que Eva Deán Durán acadou o segundo posto e Kevin López Orosa conseguiu o terceiro galardón.
Os dous primeiros premiados pertencen ao bacharelato artístico do IES Monte Castelo, mentres que o terceiro cursa estudos de CSEAS no mesmo centro educativo.
O acto contou coa presenza do presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, encargado de facer entrega dos premios aos gañadores e gañadoras desta edición. Durante a xornada púxose en valor a importancia da fotografía como ferramenta de expresión artística e tamén como medio para transmitir emocións, realidades e perspectivas diferentes.
Desde a organización trasladaron os seus parabéns ás persoas premiadas e animaron aos participantes a continuar explorando a súa creatividade a través da imaxe, destacando a boa acollida que continúa tendo este concurso dentro da programación do festival audiovisual.