O Sindicato Labrego Galego denuncia perdas do 80 % na colleita de faba na Mariña

AMariñaXa
As persoas produtoras reclaman á Consellaría do Medio Rural axudas directas e un equipo de traballo para estudar os efectos das condicións climáticas sobre a produción de faba
Faba_Lourenza_4decembro
4 Feb 2025

A produción de faba na comarca da Mariña sufriu unha perda superior ao 80 % da colleita debido ás choivas constantes do verán pasado, segundo denunciou o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas. As condicións de humidade e calor favoreceron a proliferación de enfermidades, especialmente fungos, que arrasaron o cultivo.

Ante esta situación, o sindicato solicitou unha xuntanza urxente coa Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, pero, meses despois, segue sen recibir ningunha resposta. O pasado 23 de decembro, celebrouse unha asemblea en Lourenzá con medio cento de asistentes, o que reflicte a preocupación do sector por unhas perdas que afectan gravemente a economía local e a estabilidade da poboación rural.

Na asemblea analizouse a crise do sector e acordouse demandar medidas urxentes para garantir a súa supervivencia. O Sindicato Labrego Galego iniciou unha rolda de contactos cos concellos de Barreiros, Trabada, Lourenzá, Ribadeo e Mondoñedo, gobernados por diferentes partidos, que coincidiron en recoñecer a gravidade da situación e respaldaron a necesidade dunha xuntanza coa Consellería do Medio Rural.

Ademais, o sindicato está a coordinar unha petición unánime con concellos, cooperativas e organismos vinculados á produción e comercialización da faba de Lourenzá para esixir á Xunta unha resposta rápida.

As medidas de acción demandadas, acordadas na asemblea do 23 de decembro polo sector son o establecemento dunha axuda directa que permita salvar a campaña ás persoas produtoras, a modificación da axuda da PAC nomeadamente na liña “Axuda á produción sostible de proteínas de orixe vexetal” dotándoa de contía suficiente, e a constitución dun equipo de traballo que estude as afeccións dos cambios na climatoloxía e os seus posíbeis efectos na aparición de novas enfermidades que poidan afectar a este cultivo.

Antonio Villarino, coordinador do Sindicato Labrego Galego na Mariña, advertiu que “o máis urxente sería establecer unha liña de axuda directa, como se está facendo en Asturias”. Criticou a falta de resposta da Consellería e alertou de que “se a Administración non toma en serio ao sector, moitos produtores poderán abandonar a actividade”.

A importancia da faba na Mariña

A produción de faba na Mariña, aínda que se coñece popularmente como “faba de Lourenzá”, abrangue toda a comarca. Galicia produce aproximadamente o 30 % da leguminosa a nivel estatal, concentrándose maioritariamente na Mariña. A zona de produción inclúe os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Anualmente, no mercado de Lourenzá véndense arredor de 600.000 quilos de faba, sendo un produto clave para a economía local.

0.14404106140137