O Sindicato Labrego denuncia o bloqueo dun camiño público en Viveiro e anuncia accións ante a falta de resposta municipal

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciou a situación que afecta a máis dunha vintena de persoas propietarias do municipio de Viveiro, que aseguran ter serias dificultades para acceder ás súas parcelas debido ás restricións existentes nun camiño público situado entre Sobrado e Lamacela, coñecido como camiño do Castriño.
Segundo explican tanto os afectados como a organización agraria, o vial tería sufrido diversas actuacións que limitaron progresivamente o seu uso habitual. Entre elas figuran a colocación de pedras, estacas e outros elementos que reducirían a anchura do camiño, ademais da instalación dun peche con rede que dificultaría o paso tanto de peóns como de vehículos agrícolas.
As persoas propietarias sosteñen que a situación está a provocar un progresivo deterioro do propio camiño. Afirman que o escaso tránsito rexistrado nos últimos meses favoreceu a invasión da vexetación e o estreitamento dun vial que tradicionalmente permitía o paso de pequenos tractores e remolques empregados para labores agrícolas e para a recollida de froita nas leiras da contorna. Segundo indican, a vía pasou de contar cun ancho suficiente para este tipo de usos a converterse nun carreiro moi reducido que xa non permite o tránsito habitual.
O conflito non é novo. Os afectados lembran que xa trasladaran esta problemática ao Concello de Viveiro no ano 2023 mediante un escrito colectivo no que solicitaban a recuperación do acceso. Posteriormente, tras a constitución do actual goberno municipal, mantiveron unha reunión na que expuxeron novamente a situación e reclamaron unha intervención que permitise restablecer o uso normal deste camiño público.
Desde o Sindicato Labrego aseguran que, malia os contactos mantidos coa administración local e os escritos rexistrados nos últimos meses, non se produciron avances na resolución do problema. A organización afirma que tamén tentou establecer novas vías de diálogo co Concello a través de comunicacións telefónicas e solicitudes formais, sen obter, segundo sostén, unha resposta definitiva.
O SLG considera que a limitación do acceso a un camiño de titularidade pública está a causar importantes prexuízos aos propietarios e usuarios habituais da zona. Por este motivo, anuncia que trasladará o caso á Valedora do Pobo e que estudará a adopción das accións legais que considere oportunas para reclamar a recuperación do vial e garantir o acceso ás parcelas afectadas.
A organización agraria defende que a situación require unha actuación urxente para evitar que continúe o deterioro do camiño e para restablecer o seu uso tradicional, ao tempo que reclama unha maior implicación das administracións na resolución dun conflito que, segundo sostén, se prolonga desde hai varios anos.