O servizo de abastecemento de auga potable de Burela recibe a certificación ISO 22000

AMariñaXa
A alcaldesa matizou que o que se busca é ir cara a un novo sistema preventivo integral
Comunicado-ISO-22000-Burela
Comunicado-ISO-22000-Burela
10 Xul 2024

A alcaldesa de Burela, Carmela López, e a conselleira delegada de Espiña & Delfín, Rosa Branca Rodríguez, recolleron os certificados da norma ISO 22000:2018 para o servizo de abastecemento de Burela.  Coa implantación deste estándar mundial de referencia no ámbito da seguridade alimentaria, achéganse novas garantías de calidade aos cidadáns xa que se dispón dun modelo preventivo que permite identificar, avaliar e xestionar os posibles riscos que poden afectar á calidade da auga antes de que estes cheguen á billa do consumidor.

A alcaldesa matizou que o que se busca é ir cara a un novo sistema preventivo integral. Ata o de agora, a garantía sanitaria do control da auga de consumo realizábase a posteriori, xa que cando o laboratorio de análise de control dispoñía da resultados a auga xa se atopaba dentro do sistema de distribución. Na práctica, a implementación deste sistema preventivo ha suposto a realización de numerosas actuacións nas instalacións municipais. Así, instaláronse medidores en continuo dos principais parámetros a controlar, como o cloro e o pH.

Estes medidores transmiten e documentan a evolución dos parámetros en tempo real ao longo de todo o día. En caso de detectar algunha incidencia paralízase de maneira inmediata a entrada de auga nas instalacións e emítense alertas aos dispositivos móbiles dos operarios.

Todas as instalacións do servizo contrólanse permanentemente a través de telexestión e automatización, o que permite actuacións a distancia as 24 horas dos 365 días do ano. Ademais, instaláronse sistemas de antiintrusión para previr actos de vandalismo ou sabotaxe e realízanse campañas preventivas de control de pragas. Carmela López explicou que a certificación é o colofón a un traballo “que sitúa ao noso concello ao máis alto nivel de esixencia, rigor e exhaustividade no concernente á auga potable”.

Pola súa banda, Rosa Branca Rodríguez asegurou que “tras empezar a traballar neste concello en 1998, e despois de realizar numerosas actuacións nas instalacións municipais, é un orgullo poder obter esta certificación para o servizo de augas de Burela”. O concelleiro de obras e servizos, Ramiro Fernández, destacou que grazas ao forte investimento realizado ao longo de todos estes anos o rendemento da rede é do 88 %, moi superior ao 80 % esixido pola Xunta de Galicia. Estes datos de eficiencia sitúan a Burela nun posto de vangarda a nivel autonómico. E que co novo plan de melloras que acaba de aprobar o consistorio executaranse obras por valor de 328.756 euros para os dous próximos anos.

0.20386815071106