O sector pesqueiro encara en Expomar dous días de debate sobre o seu futuro

AMariñaXa
O Encontro Empresarial abrirá a programación o 13 de maio e dará paso ao día seguinte ás Xornadas Técnicas, que estrean formato en Burela
BURELA expomarxt
7 May 2026

A Fundación Expomar volverá converter Burela nun punto de encontro para o sector pesqueiro coa celebración do XXVII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras e das XXXIII Xornadas Técnicas. As dúas citas desenvolveranse a próxima semana e reunirán representantes institucionais, entidades sectoriais e profesionais do mar para analizar os retos que condicionan o presente e o futuro da actividade pesqueira.

A programación arrincará o mércores 13 de maio nas instalacións de Armadores de Burela, onde se celebrará o Encontro Empresarial. Neste foro participarán organizacións pesqueiras do ámbito galego, estatal e europeo, que porán en común preocupacións arredor da competitividade das empresas, a política pesqueira, a compatibilidade da pesca con outros usos marítimos, a ciencia, a gobernanza e a comunicación do sector.

Deste encontro sairán as 'Conclusións 2026', un documento que recollerá as principais reflexións e acordos das entidades participantes. A súa presentación terá lugar ao día seguinte, o xoves 14 de maio, xa no marco das Xornadas Técnicas, como punto de partida dunha xornada centrada no debate profesional e institucional.

As Xornadas Técnicas celebraranse no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela e este ano chegan cunha novidade destacada: concentrarán todo o seu contido nun único día, con sesións de mañá e tarde. O programa abordará asuntos que levan tempo no centro das preocupacións do sector, como a xestión pesqueira, o relevo xeracional, a formación, a sustentabilidade, a socioeconomía, o consumo e a seguridade laboral.

A apertura contará coa participación da conselleira do Mar, Marta Villaverde; do director xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Ramón de la Figuera; e da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López. A presenza de representantes das distintas administracións reforza o peso institucional dun foro que busca trasladar as demandas do sector aos espazos de decisión.

Un dos momentos máis novidosos será a mesa coloquio dedicada á presenza da pesca no Parlamento español, coa intervención de representantes galegos en Madrid de distintas formacións políticas. A Fundación Expomar pretende así conectar as preocupacións do sector coa actividade lexislativa e abrir un espazo de diálogo sobre o papel que debe ocupar a pesca na axenda pública.

0.11492800712585