O sector pesqueiro analiza en Burela o impacto das restricións mariñas nas frotas artesanais

Representantes do sector pesqueiro e de distintas entidades científicas reuníronse na sede da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, en Burela, para analizar como afectan as medidas de conservación e planificación mariña ás frotas artesanais e costeiras do norte de Galicia. O encontro enmárcase no proxecto ESPARDE, centrado nos efectos dos desprazamentos das flotas derivados destas medidas.
A xornada, organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), dependente da Consellería do Mar, permitiu establecer as bases dunha colaboración continuada entre investigadores e profesionais da pesca. Nesta primeira reunión formal do caso piloto galego participaron varios socios do proxecto, o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, Basilio Otero; o xerente da OPP de Burela, Sergio López, e representantes dos sectores do arrastre e do cerco.
Tras a benvida e a contextualización da situación actual da pesca en Galicia, a cargo de José L. Santiago, coordinador da área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR, Laura García de la Fuente, coordinadora de ESPARDE e investigadora de Economía Aplicada na Universidade de Oviedo, presentou os obxectivos e o alcance da iniciativa, que conta con tres casos piloto en Asturias, Cantabria e Galicia.
Pola súa banda, Marta Ballesteros, científica titular do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), explicou as bases para a cooperación entre investigadores e sector pesqueiro e abordou as particularidades do caso galego. A súa intervención deu paso a un intercambio de impresións no que os pescadores e armadores presentes expuxeron as súas principais necesidades e preocupacións.
O estudo en Galicia abrangue a demarcación mariña noratlántica e analizará os efectos da convivencia entre os Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) e os distintos usos previstos no Plan de Ordenación do Espazo Marítimo. Entre as cuestións abordadas destacaron as prioridades das frotas afectadas e as consecuencias que poderían ter os proxectos de enerxía eólica mariña, especialmente nas zonas NOR2, NOR3 e NOR4, incluídas na área de estudo polo seu potencial para este tipo de instalacións.
Neste contexto, o CETMAR e os seus socios salientaron a capacidade de ESPARDE para producir información útil para o sector e adaptada á súa realidade operativa e socioeconómica. Para iso, consideran fundamental a participación activa dos profesionais da pesca, mediante a achega de datos e información directa que permita anticipar escenarios a curto e medio prazo e mellorar a avaliación e a xestión dos efectos dos posibles desprazamentos e das restricións espaciais.
Os representantes do sector expuxeron, pola súa parte, algúns dos principais desafíos aos que se enfrontan, como o elevado custo do combustible, as vedas temporais ou permanentes e a incerteza sobre o desenvolvemento da eólica mariña.
Tamén incidiron na gran variabilidade dos desprazamentos das embarcacións galegas, que poden cambiar de zona de actividade en menos de 24 horas. Por iso, consideran que medir as consecuencias socioeconómicas destes movementos permitiría trasladar ás administracións unha imaxe máis completa da realidade pesqueira, con indicadores que vaian máis alá do número de desembarcos, como os tempos de desprazamento, a produtividade ou a concentración de barcos en determinadas áreas.
Ao remate da reunión, os participantes acordaron celebrar novos encontros para recompilar información, coñecer os avances do proxecto e traballar na proposta de medidas de xestión axeitadas. Os asistentes cualificaron ESPARDE como unha iniciativa ambiciosa e esperanzadora para avanzar nunha planificación mariña que teña en conta as necesidades do sector pesqueiro.