O sector da pesca concentrouse en Burela en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños

AMariñaXa
O deputado de Mar Daniel García participou na concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños en Burela, amosando o apoio da Vicepresidencia da Deputación as reivindicacións do sector pesqueiro fronte á eólica mariña.
concentracion pesca burela
6 Abr 2024

O deputado de Mar Daniel García participou na concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños en Burela, amosando o apoio da Vicepresidencia da Deputación as reivindicacións do sector pesqueiro fronte á eólica mariña.

Na mobilización, na que participaron representantes das confrarías galegas e de Asturias e que tivo tamén o respaldo da veciñanza de Burela, o sector amosou a súa oposición ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar. Aprobado recentemente polo goberno do Estado.

Daniel García trasladou o apoio da área de Mar e da institución provincial ao portavoz da Plataforma Torcuato Teixeira e subliñou “a necesidade de que representantes institucionais e políticos da provincia, e especialmente da Mariña, nos impliquemos na defensa dun sector fundamental para a actividade económica e o emprego nesta comarca, que ademais subministra alimentos saudables”.

Neste sentido, incidiu en “blindar os caladoiros e as zonas de actividade pesqueira das instalacións de parques eólicos”, destacando que “a produción de enerxía renovable non pode comprometer o futuro dun sector e os ecosistemas mariños”

Na concentración participaron tamén o tenente alcalde de Burela Mario Pillado, a alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade da Mariña Ana Ermida e a concelleira de Viveiro Iria Cotelo, entre outras representantes dos concellos da comarca.

0.11223006248474