O Sanci Tapeando regresa este xoves con sete locais e tapas a tres euros

A hostalería de San Cibrao recupera este xoves, 15 de outubro, a iniciativa gastronómica Sanci Tapeando, unha proposta que reúne sete establecementos da localidade para ofrecer cada semana tapas variadas ao prezo único de tres euros. A actividade conta coa colaboración do Concello de Cervo e busca dinamizar os negocios hostaleiros e poñer en valor a oferta culinaria local.
Cervecería A Penúltima, Cervecería Las Titas, Bar Maruxaina, Bar O Faro, Terraza O Noso Lar, Bodega De Ana e Bar La Habana son os locais que participan nesta edición. Cada xoves, os clientes poderán achegarse aos diferentes establecementos para probar elaboracións distintas nunha iniciativa que aposta pola gastronomía a prezos accesibles e polo ambiente de proximidade.
A primeira xornada contará con sete propostas. Cervecería A Penúltima preparará un falso risotto de cogomelos, mentres que Cervecería Las Titas ofrecerá os seus nachos "Las Titas". No Bar Maruxaina, a opción será solombo á pementa, e no Bar O Faro poderase degustar un montadiño de polo crispy con salsa de curry e mango.
Pola súa banda, Terraza O Noso Lar participará cunha hamburguesa de tenreira con cebola caramelizada e queixo San Simón. Bodega De Ana elaborará albóndegas mariñeiras e Bar La Habana completará a selección cun tambor de plátano con carne.
Ademais da degustación semanal, as persoas que participen na ruta poderán entrar no sorteo mensual presencial. Esta actividade irá cambiando de local cada mes entre os sete negocios adheridos á proposta.
A información sobre as tapas de cada semana e as novidades do Sanci Tapeando poderá consultarse na súa conta de Facebook, onde se irán anunciando as diferentes propostas gastronómicas.
Desde o Concello de Cervo animan tanto á veciñanza como ás persoas que visiten a localidade a sumarse á iniciativa, que pretende apoiar a hostalería de San Cibrao e dar a coñecer a variedade da súa cociña.