O Salón de Alcaldes acollerá o primeiro Foro Alzheimer de Ribadeo o 30 de maio

AMariñaXa
O encontro reunirá profesionais sanitarios, asociacións especializadas e persoas afectadas para abordar os retos sociais e emocionais da enfermidade
alzheimer
29 May 2026

O Concello de Ribadeo celebrará o próximo 30 de maio a primeira edición do Foro Alzheimer de Ribadeo, unha iniciativa promovida pola Área de Benestar Social, Saúde e Familia co obxectivo de crear un espazo de información, orientación e acompañamento arredor desta enfermidade e do impacto que provoca nas familias.

A xornada desenvolverase no Salón de Alcaldes do Concello entre as 10.00 e as 19.00 horas e contará coa colaboración da Xunta de Galicia e das asociacións AFALU Lugo e AFÁN Burela, entidades especializadas na atención e apoio ás persoas con alzheimer e outras demencias.

O programa incluirá relatorios, mesas de diálogo e actividades prácticas dirixidas tanto ás persoas coidadoras como á veciñanza en xeral, coa intención de ofrecer ferramentas útiles para afrontar o día a día da enfermidade e favorecer unha maior sensibilización social.

Entre as intervencións previstas destaca a participación da doutora Malfeito, xefa do servizo de Xeriatría do HULA, que abordará a situación actual do alzheimer e os principais retos sanitarios e sociais asociados ao incremento desta doenza.

Tamén haberá espazo para o acompañamento emocional ás familias a través de sesións impartidas por profesionais da área de psicoloxía de AFALU, nas que se facilitarán recursos e estratexias orientadas ao coidado das persoas dependentes e ao benestar das persoas coidadoras.

A programación completarase cunha mesa redonda na que familiares compartirán experiencias persoais vinculadas á convivencia coa enfermidade, así como cun taller corporal e de respiración guiado por Lucía Erice, do Carboeiro. Durante toda a xornada permanecerá aberto ademais un punto informativo no que as entidades colaboradoras darán a coñecer programas, servizos e recursos de apoio dispoñibles.

A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, subliñou a importancia de impulsar espazos deste tipo ante o aumento da incidencia do alzheimer e doutras demencias, incidindo na necesidade de ofrecer orientación e acompañamento ás familias.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, destacou o valor destes encontros para apoiar ás persoas coidadoras e contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e do seu entorno máis próximo.

Desde o Concello animan á participación nesta primeira edición dun foro que nace coa intención de consolidarse como unha referencia de sensibilización, información e apoio arredor do alzheimer.

0.11701893806458