O salmón de Noruega aposta por Burela

AMariñaXa
Alfredo Llano mantivo un encontro cunha delegación da empresa norueguesa de produción de salmón que pretende instalarse en Burela.
150323 Foto xuntanza noruegueses
150323 Foto xuntanza noruegueses
15 Mar 2023

O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro cunha delegación da empresa norueguesa de produción de salmón que pretende instalarse en Burela. O rexedor subliñou a importancia da súa posta en marcha, xa que ocupará unha superficie de case 25.000 metros cadrados e suporá un investimento duns 40 millóns. O rexedor aludiu ás facilidades administrativas que lles ofrecerán desde o Concello de Burela.

Llano relatou que “recibimos onte a visita dunha comisión de noruegueses que teñen vinculación coa empresa de produción de salmón que se pretende instalar aquí, en Burela. Foi unha reunión agradable e eles están dando os pasos necesarios para poder situar a empresa aquí. Estiveron comentando as trabas que tiveron que superar, como foron facendo as cousas e o que hai agora pensado para o futuro. Vannos presentar o proxecto actualizado en pouco tempo e farán os actos administrativos pertinentes para darlle para diante”.

O alcalde burelés contou que “viñeron varios socios capitalistas desta empresa e teñen previsto tratar de consumar a súa pretensión de montar aquí esa instalación que ocupa 25.000 metros cadrados e ten un orzamento de aproximadamente duns 40 ou 50 millóns de euros. Veremos a ver como se vai desenvolvendo todo isto e desde o Concello o único que faremos é tramitar o que nos corresponde, facer as cousas o mellor posible e facilitarlles o traballo administrativo necesario”.

Alfredo Llano fixo un balance positivo da xuntanza: “foi un encontro agradable en todos os aspectos, é xente que ten moito interese en implantarse en Burela e desde logo está buscando a forma para que sexa unha instalación da mellor maneira posible. En principio queren producir 3 millóns de quilos de salmón ao ano, aínda que as posibilidades futuras están analizándoas”.

O rexedor tivo tamén palabras de agradecemento: “hai que agradecer que viñeran por aquí a facer esta visita e a contarnos de primeira man persoalmente todo o que están facendo porque iso é respectar ao Concello de Burela polo labor que realizamos para facilitar os trámites”.

0.14831900596619