O Ribadeo Indiano levará a Cuba a dúas persoas

AMariñaXa
O Ribadeo Indiano propón como incentivo local a nova campaña Ribadeo lévate a Cuba, na que se repartirán 100.000 rifas
ribadeo acisa viaxe cuba 1
ribadeo acisa viaxe cuba 1
24 Xuño 2022

O Ribadeo Indiano propón como incentivo local a nova campaña Ribadeo lévate a Cuba, na que se repartirán 100.000 rifas que se porán en circulación dende hoxe, 24 de xuño, e ata o 10 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo da viaxe a Cuba.

Desde a organización do Ribadeo Indiano, Concello e Acisa, explican que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 2 ao 10 de setembro. O premio cubre o vo de Madrid á Habana, o traslado posterior ao aeroporto, a habitación dobre con aloxamento e almorzo no hotel Habana Tryp Habana Librer de 4 estrelas durante 3 noites, o traslado desde a Habana a Varadero, habitación dobre con todo incluído 4 noites no hotel Meliá Península Varadero de 5 estrelas. Inclúe tamén vo desde a Habana a Madrid, o visado a Cuba e o seguro de viaxe”.

As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 24 de xuño o 10 de xullo. O único que haberá que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos e cubertas con nome, apelidos e DNI do cliente, que será quen conserve as rifas no seu poder ata o 10 de xullo, xornada na que de 11.00 a 21.30 horas poderán introducilas na urna do sorteo no posto que estará situado na Praziña de San Roque. O sorteo terá lugar de forma presencial tras a actuación da mexicana Lila Downs nese mesmo escenario. Alí collerase unha rifa da urna, e dirase o nome por megafonía dando 5 minutos de tempo para que apareza o premiado. De non presentarse nese tempo volverase sortear cantas veces faga falta ata entregar o premio. A persoa gañadora deberá acreditar que o seu número de DNI coincide co escrito na papeleta premiada.

Non serán validas as papeletas sen algún dos datos persoais ou sen o selo do establecemento. As bases do sorteo e o listado de establecementos adheridos están dispoñibles na web e redes sociais do Ribadeo Indiano e de Acisa. Tamén figurarán na rifa e no cartel identificativo dos establecementos asociados as normas básicas.

PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS

Nesta VII edición do Ribadeo Indiano, que ten como protagonista “a muller na emigración”, o Concello contará coa presenza dunha artista internacional, a cantante, compositora, produtora, actriz e antropóloga mexicana Lila Downs.

A mexicana, dúas veces nominada e gañadora no 2013 dun Grammy e en seis ocasións dos Grammy latino, estará no barrio indiano de San Roque o domingo 10 de xullo ás 20.30 horas.

Trátase dunha das voces máis poderosas e singulares que existen no panorama musical mundial hoxe en día e está considerada unha das artistas femininas más influíntes de México pola revista Forbes.

PARALELO AO RIBADEO INDIANO

O Ribadeo Indiano tamén contará coa sétima edición do Mercadiño de Ultramar e un novo espazo gastronómico. O Mercadiño desenvolvérase o sábado 9 de xullo e pretende traer unha recreación e mostra de  produtos e mercancías de ultramar así como de oficios de época. Terá horario continuo dende ás 11:00 da mañá ata a finalización do Festival de Habaneras, que será aproximadamente sobre as dez da noite.

Pola súa banda o espazo gastronómico con foodtrucks, será os días 9 e 10 de xullo e estará localizado na contorna de Praza de Abastos co fin de ampliar as propostas gastronómicas do evento. O prazo de inscrición tamén está aberto ata o 22 de xuño.

0.19986891746521