O Ribadeo FC ultima o seu equipo para o comezo da Preferente

TerraChaXa | AMariñaXa
O Ribadeo FC ultima o seu equipo para o comezo da Preferente. A última incorporaación é a de Gerardo García Berodia
18 Xan 2021

Tras varios cambios de dirección e anuncios contradictorios, finalmente Gerardo García Berodia volverá a Galicia tras máis dun ano e medio inactivo, nas filas do Ribadeo FC, que compite esta tempada en Preferente.

O reputado mediapunta, que se formou en Madrid pero participou no lanzamento do CD Lugo, comprometeuse co Ribadeo despois de que o Celta Barreiros o liberase tras confirmarse que non haberá competición en Segunda Autónomica polo momento.

Berodia, o mago zurdo da quinta do 81 na Fábrica, brillou á beira de nomes propios como Iker Casillas, Aganzo, Valdo ou Borja Fernández. Unha lesión truncou o seu imparable crecemento, aínda que forxou unha notable traxectoria en conxuntos como Leganés, Zamora, Ponferradina, Lugo ou Wilstermann, da máxima categoría boliviana. Na súa última tempada en activo, a 2018-19, militou no Unión Adarve de Segunda División B. Instalado na Mariña por motivos familiares, decidiuse a retomar a práctica do fútbol federado.

Con el dase por pechada a listaxe de xogadores que iniciarán a competición este mes tal e como anunciou a Federación de Fútol, aínda que o inicio podería retrasarse ata febreiro.

A incorporación de Gerardo García Berodia vén a sumarse ás presentacións que realizou o Ribadeo ata o de agora.

O adestrador Rafa Casanova deu a benvida ao club mariñán a outras dúas incorporacións con notable experiencia na categoría, Javi Fraga e Adrián Barreira.

O burelense Javi Fraga, de 23 anos, é un atacante diferencial que se formou na canteira do Lugo e xa acumula catro tempadas consecutivas. Tras defender ao Lugo B Polvorín, o Castro e, por último, a Sarria, alcanzou a cifra redonda de cen partidos e 29 goles na máis potente das divisións autonómicas.

O outro reforzo tamén é Adrián Rodríguez Barreira, de 21 anos, que xa militou no primeiro equipo ribadense entre 2017 e 2019 tras pasar polo Iberia. Volve despois dunha tempada no Astur Vegadense.

Súmanse aos futbolistas presentados fai uns poucos días: Luki, Santi Vázquez (Friol), Iván Moreda (SD Ribadeo xuvenil), o central Anxo (Rúa) e o lateral dereito Xairo (Racing Vilalbés xuvenil).

A eles tamén hai que engadir ao extremo local Fran, de 22 anos; Juanma, xogador de 32 anos, defensa e natural de Castro de Rei; Dani, outro defensa central diestro procedente do Friol; ou os xuvenís Del Viso, More, Anxo e Iván García.

0.17428493499756