O ribadense Darío Rodríguez, campión galego de lanzamento de peso
O atleta benxamín do Club Atletismo Ribadeo Darío Rodríguez Pérez vén de proclamarse campión galego de lanzamento de peso de 1 quilo no XIII Campionato de Galicia sub 10, 12 e 14 de Pista Cuberta, que se celebrou en Ourense este pasado sábado.
Desde o Club Atletismo Ribadeo destacan que Darío Rodríguez Pérez “fixo un tremendo concurso, lanzando todos os seus intentos por riba da súa marca previa a este campionato, para proclamarse campión galego de peso sub 10 cun mellor lanzamento de 9,97 metros”.
Darío Rodríguez tamén participou na carreira de 50 metros lisos, na que fixo plusmarca persoal, acadando o 6º posto na súa final, cun tempo de 8.52.
Neste campionato o Club Atletismo Ribadeo tamén estivo representado por outros tres atletas, que obtiveron bos resultados: Daniel Rodríguez Pérez, que participou na carreira de 50 metros lisos, acadando a 6ª posición cun tempo de 8.76, mellorando a súa marca; e en Infantil competiron nos 60 metros lisos Paula Conde Carrelo, que obtivo a 5° praza na súa final cun tempo de 8.91, e Brais García González, que fixo plusmarca persoal no seu debut nun campionato galego, acadando a 4ª posición na súa final, cun tempo de 8.58.