O Ría de Foz propón ubicar en Foz unhas pistas de atletismo comarcais

Foz
AMariñaXa
O Club focego Ría de Foz transmitiu a idoneidade de que a vila de Foz sexa quen albergue o proxecto dunhas pistas de atletismo na comarca.
club ria de foz atletismo
14 Abr 2021

Nunha reunión mantida entre as dúas partes, os dirixentes do Club focego Ría de Foz transmitíronlle aos representantes da corporación municipal, o alcalde Fran Cajoto e a concelleira de deportes Gema Méndez, a idoneidade de que a vila de Foz sexa quen albergue o proxecto, e a concreción, dunhas pistas de atletismo na comarca da Mariña.

As razóns que sustentan a petición da Directiva do Ría de Foz "son múltiples e moi meditadas. Para comezar, o atletismo é un deporte que conta, cada vez cun maior número de seguidores, cunha base sólida e consolidada na comarca de clubs e atletas. Proba diso son a creación dun maior número de clubs, o aumento exponencial da cifra de licenzas deportivas (tanto a nivel de categorías inferiores como absolutas) e o alto número de eventos deportivos relacionados con esta práctica", din.

Afirman tamén que, o feito de carecer dunhas pistas de atletismo na comarca dificulta que os atletas poidan competir en igualdade de condicións cos que si teñen a posibilidade de adestrar nunhas. Mérito engadido ao traballo que xa se está a facer en Foz e noutras vilas mariñás. A día de hoxe, os atletas focegos, e por extensión todos os mariñaos, teñen que realizar viaxes de ida e volta de 2h30 de duración, como mínimo, para poder seguir os seus programas de adestramento. A vila de Foz é o centro neurálxico da comarca da Mariña. Feito este que contribúe, de maneira racional, a que o noso concello sexa a ubicación lóxica para acoller estas pistas de atletismo.

A"semade, o equipo de goberno de Foz é coñecedor do estudo profesional que a Directiva do 'Ría de Foz' encargou para amosar que é viable, sen ningún tipo de dúbidas, este proxecto no noso concello. Os representantes mencionados da corporación focega, o alcalde Fran Cajoto e a concelleira de deportes Gema Méndez, amosáronse convencidos da necesidade do proxecto e da repercusión positiva que este suporía para a práctica deportiva e a vida económica do noso concello", din.

Desde a Directiva do Ría de Foz búscase, deste xeito, mellorar as condicións de traballo do atletismo mariñao, unhas instalacións deportivas dignas e reais que aumenten, aínda máis, a base deste deporte e que nos leven a soñar con ser berce de grandes atletas. Comecemos a traballar, xuntos e xuntas, para facer realidade unhas pistas de atletismo no "corazón" da Mariña.

0.18940997123718